Por Europa Press / Redacción | LUGO | 27/06/2016 | Actualizada ás 19:27
A crise na Deputación e Lugo enfronta a este organismo a un período incertezas. A Executiva Nacional do BNG confirmou hoxe que dá por "roto" o goberno bipartito provincial, encabezado polo socialista Darío Campos, e pide á dirección do PSOE en Galicia que "desautorice" o acordo de orzamentos co PP e co deputado díscolo Manuel Martínez, que provocou o cisma. De feito, os nacionalistas foron os únicos que, no pleno deste luns, votaron en contra dun acordo que saíu aprobado por maioría.
A membro da Executiva e vicepresidente da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín, recordou que nacionalistas e socialistas tiñan un acordo marco co PSOE para gobernar os entes provinciais, pero consideraron que o pacto de orzamentos entre socialistas e populares deixaron "fóra" ao BNG do goberno provincial.
Os nacionalistas cualificaron de "anómalo" este acordo. Ademais, consideran que se trata dun "ensaio da gran coalición". "Concluímos que o PSOE e Darío Campos racharon o goberno, de costas ao seu socio de goberno cando pacta co PP uns orzamentos", advertiu Goretti, que pediu que os socialistas "movan ficha".
Segundo o Bloque, os "feitos cronolóxicos cantan", despois de que na Deputación de Lugo se sucedesen contactos entre o PSOE co PP e o seu voceiro, Elena Candia, e co deputado díscolo e rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, despois do cal o BNG decátase" dos acordos alcanzados. Para os nacionalistas, isto significa tamén unha repartición dos orzamentos que non cumpren os obxectivos marcados no acordo cos socialistas. "Isto sitúanos absolutamente fóra, porque o PSOE é quen rompe. Emprazámolos a que cambien", dixo Goretti.
ACORDO BASEADO NA TRANSPARENCIA
Goretti Sanmartín defendeu que nacionalistas e socialistas "fixeron un acordo baseado" nas políticas transparentes e unhas políticas diferentes", pero "agora o PP pretende impoñer con este acordo" as súas, o que para o BNG é "un ensaio da gran coalición".
A dirixente nacionalista lamentou que o PSOE "rompese de forma unilateral" o acordo que tiña co BNG e os deixe "fóra do goberno", unha cuestión que se formalizará, precisou, nas próximas horas.
DOUS PRESIDENTES NUN ANO E UN DEPUTADO DÍSCOLO
O BNG votou en contra dos orzamentos provinciais, que saíron adiante cos dez apoios do PSOE, 12 do PP e o deputado non adscrito, Manuel Martínez. Dáse a circunstancia de que na institución provincial, en menos dun ano, xa houbo dous presidentes: a propia Elena Candia e o actual, Darío Campos.
Elena Candia tomou as rendas da Deputación de Lugo na primeira sesión de investidura, cando o deputado díscolo do PSOE non apoiou a opción do seu partido, o PSOE, despois de que o seu nome fose vetado polo BNG para presidir a institución por estar naquel entón imputado, agora figura do investigado.
Logo de varias negociacións, promoveuse unha moción de censura polo acordo do PSOE co BNG, que viña a completar os pactos das deputacións de A Coruña e Pontevedra, nas que se manteñen senllos bipartitos froito dos resultados das municipais de maio de 2015.
Para esa moción de censura contouse co apoio de Martínez, pero ao non lle dar as funcións comprometidas pola executiva socialista pactadas pola secretaria de Organización e presidenta da xestora agora, Piar Cancela, segundo denunciou en varias ocasións o alcalde de Becerreá, ocasionou a saída deste deputado do Grupo Socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.