Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2018 | Actualizada ás 16:09
Centos de persoas percorreron na mañá deste domingo as rúas de Santiago de Compostela para reclamar á Xunta que dea marcha atrás na súa reforma dos montes galegos en mancomún, xa que consideran que as políticas do Goberno galega están orientadas a entregar os montes veciñais á empresa privada.
Convocados pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais co apoio de entidades como Sindicato Labrego Galego, Atrifoga, Fruga, Adega e a CIG, comuneiros de 3.000 montes veciñais de toda Galicia participaron nunha marcha que partiu da estación de rren da capital galega ás 12.00 horas para concluír na Praza da Quintana.
A manifestación contou coa presenza dos líderes de En Marea, Luís Villares; e BNG, Ana Pontón, que reclamaron á Xunta que paralice unha reforma que "busca privatizar os montes veciñais", un figura que en Galicia conta con "máis de 1.600 anos de historia".
Os participantes na protesta proferiron consignas como "Xunta atende, Galicia non se vende", "Plan forestal ao servizo do rural", "Non ao roubo do monte veciñal" e "Partido Popular prende lume ao rural".
O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, Xosé Alfredo Pereira, alertou que a introdución de modificacións da Lei galega de Montes Veciñais a través da Lei de acompañamento dos orzamentos abre a porta á "privatización" da xestión dos montes en man común e o seu posterior cambio de "titularidade" á empresa.
"PRIVATIZACIÓN" DO MONTE
Así, apunta que, con esta nova normativa, a Consellería do Medio Rural convértese en "xuíz e parte" e poderá declarar o monte veciñal "en estado de abandono" por razóns "burocráticas e administrativas", como que unha comunidade "non elixa en tempo e forma" os seus representantes ou incumpra "algún dos preceptos" da lei de incendios. "O importante é sacar o monte das mans dos veciños", apostilou.
A continuación, sinalou que a declaración de monte en estado de abandono "non se vai basear en cuestións de fondo" e lamentou que Galicia se converta "no primeiro país do mundo civilizado" no que o incumprimento dunha lei carrexa a imposición dunha sanción e a "perda da terra" nun curto período de tempo.
Deste xeito, continuou, unha vez sexa declarado en estado de abandono, o monte pode ser alugado a unha empresa privada "por 50 anos", tempo que, para Pereira, faría que "se perda a memoria de que aquel lugar nalgún momento foi veciñal".
Esta realidade tería "o agravante" de que, se a comunidade fose capaz de emendar os "defectos" burocráticos que provocaron a citada declaración do monte, "non poderían xestionar" esas terras ata que concluíse a concesión de xestión á empresa en cuestión, é dicir, 50 anos.
EN MAREA E BNG
Pola súa banda, Luís Villares lembrou que a figura da "propiedade colectiva" do monte ten en Galicia unha historia "de 1.600 anos" que serviron para "completar rendas" dos veciños, "fomentar o asentamento da poboación" e, en definitiva, "aumentar o benestar" das comunidades.
"A reforma que pretende impulsar o PP busca expropiar os montes aos veciños que o levan aproveitando durante 1.600 anos para transferirllo a unhas empresas privadas e que deixen de ser en beneficio da comunidade", incidiu Villares.
A continuación, expresou o rexeitamento "rotundo" de En Marea ás políticas forestais da Xunta, á vez que defendeu "un monte vivo, multifuncional e que dea vida durante todo o ano, non só con tallas cada 30 anos".
Para a líder nacionalista, Ana Pontón, o Goberno galego debe "dar un xiro de 180 graos" á súa política forestal, que cualifica de "pirómana" e "hipotecada" polos intereses da empresa pasteira Ence.
"O monte pode producir madeira de calidade pero pode facer moito máis que iso. Podemos ter un monte multifuncional que xere emprego, riqueza e calidade de vida no rural", subliñou.
Así as cousas, Pontón expresou o seu apoio ás comunidades de montes "que están a recibir unha política de acoso e derriba por parte da Xunta, que o quere é privatizar eses bens comunais que ademais son unha singularidade de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.