Europa só aproveita o 10% do seu potencial agroforestal para combater o cambio climático e os incendios

A agrosilvicultura ocupa só 19,77 millóns de hectáreas en Europa. Un equipo científico internacional, con representración galega, recomenda potenciar este tipo de actividades.

Por Alberto Quian | Madrid | 01/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A agroforestería ou agrosilvicultura, isto é, o sistema produtivo que integra vexetación forestal (árbores ou arbustos) con cultivos e/ou sistemas animais para obter beneficios das interaccións ecolóxicas e económicas resultantes, é "unha das ferramentas máis importantes para mitigar e adaptarse ao cambio climático". Porén, "as prácticas agroforestais ocupan menos do 10% da área potencial europea" que se podería aproveitar. Así o sinala un estudo feito por un equipo internacional no que se integran científicos do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría e do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Agroforestería
Agroforestería | Fonte: calibre-agroforestry.org.

A agroforestería pode xogar un papel chave na redución da vulnerabilidade ao cambio climático, á vez que brinda efectos positivos sobre servizos ecosistémicos. Por iso, os científicos marcáronse o obxectivo de proporcionar unha categorización e extensión das prácticas agroforestais vinculadas ás terras agrícolas e forestais a nivel rexional e avaliar como se promoven na Política Agrícola Común da Unión Europea, cun enfoque especial sobre o potencial de mitigación do cambio climático.

Ao redor do 90% dos 19,77 millóns de hectáreas está vinculado a prácticas de silvopastoreo, unha práctica "clave para mitigar o cambio climático".

A agrosilvicultura ocupa 19,77 millóns de hectáreas en Europa, sendo o silvopastoreo e os hortos domésticos as prácticas máis estendidas, tendo en conta a imposibilidade dos expertos para cuantificar a extensión de cultivo forestal. De feito, os autores do estudo explican que "non hai datos dispoñibles para identificar nin para mapear a cantidade de terra na que se obteñen os produtos agrícolas", feito que "dificulta bastante a avaliación do impacto das diferentes políticas" no que se refire ás dimensións económica, social, cultural e medioambiental.

Ao redor do 90% dos 19,77 millóns de hectáreas está vinculado a prácticas de silvopastoreo, unha práctica "clave para mitigar o cambio climático", reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pero tamén é fundamental "para promover a estabilización da poboación rural e evitar o abandono da terra e os riscos asociados que ten, como os incendios". 

Sobre os hortos domésticos, destacan que "actividades relacionadas co aumento de árbores froiteiras e a produción de cultivos hortícolas nas áreas circundantes das cidades reducirán a necesidade de comprar alimentos doutros países e, por tanto, o gasto de combustible de transporte asociado, mellorando o equilibrio das emisións de gases de efecto invernadoiro".

As prácticas agroforestais están a estenderse por toda Europa, pero están principalmente asociadas aos países do sur.

En xeral, os investigadores observan que as prácticas agroforestais se están estendendo por toda Europa, pero están principalmente asociadas aos países do sur europeo, polo que recomendan facer "grandes esforzos para establecer prácticas agroforestais nos países do norte, pero tamén para preservalas nos do sur".

Tamén consideran "bastante complexa" a promoción das prácticas agroforestais na Política Agrícola Común, xa que existen "máis de 25 medidas programadas para promover cinco prácticas agroforestais", ante o cal aconsellan a "simplificación do número de medidas", para un "mellor seguimento da implementación e para avaliar e proporcionar políticas futuras máis adaptadas a nivel europeo".

Os autores do estudo destacan que "se están a promover actividades de mitigación e adaptación na última década en Europa, principalmente como consecuencia dos eventos extremos e a crecente conciencia do cambio climático, pero aínda existe un gran potencial de aumento no futuro".

Neste sentido, expoñen que "enormes opcións potenciais de mitigación do cambio climático deberían enfocarse no uso de silvopastoreo en terras forestais para reducir os incendios forestais e aumentar a presenza do compoñente leñoso en terras cultivables, pero tamén na promoción de cultivos forestais e hortos domésticos como formas de aumentar o uso de cadeas de subministración curtas e para aumentar a conexión das áreas urbanas, periurbanas e rurais dentro dun marco de bioeconomía e economía circular".

O estudo, titulado 'Agroforestry in Europe: A land management policy tool to combat climate change', vén de publicarse na revista científica Land Use Policy e está asinado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Instituto Europeo Forestal, Centro de Investigación Forestal da Universidade de Lisboa, Technological Educational Institute (TEI) de Sterea Ellada (Grecia) e Instituto de Bioloxía Agroambiental e Forestal de Porano (Italia).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta