Todos contra todas no debate sobre as débedas do Porto Exterior da Coruña

PP acusa a José Blanco de abandonar a Coruña. O PSdeG apunta á responsabilidade dos últimos "xestores" e BNG volverá pedir que o Estado asuma o financiamento de Punta Langosteira.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2018 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

Todos contra todos nunha batalla política que ten coma eixo central as débedas do Porto da Coruña. Nesa lea están todos os grandes partidos do Parlamento galego, que evitan, polo momento, meter na mesma maleta a situación do Porto de Vigo.

Vista do porto exterior da Coruña
Vista do porto exterior da Coruña

Neste sentido, o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, criticou que o eurodeputado socialista José Blanco "se esqueza" das decisións que adoptou cando era ministro de Fomento en relación ao porto exterior da Coruña e instouno a "asumir a súa responsabilidade". Pola súa banda, os socialistas lembráronlle que estas débedas veñen de antes e nelas teñen moito que ver os gobernos do PP, mentres que BNG e En Marea insisten en que sexa o Estado o que se faga cargo dos sobrecustes xerados polas obras.

Este domingo, José Blanco, nunha entrevista coa Cadena SER, atribuí a débeda existente pola construción da infraestrutura portuaria á "nefasta xestión" do PP, e reclamase unha "auditoría se é necesario" e "explicacións" a Alberto Núñez Feijóo e á Autoridade Portuaria. "O convenio que Blanco dixo que non se cumpriu é un acordo que se adopta gobernando o PSOE na Administración local e no Estado, polo cal esa débeda se financiaba vendendo A Solana e o Hotel Finisterre", respondeu este luns Puy Fraga.

Así as cousas, Puy advertiu que Blanco debe "asumir as súas responsabilidades e falar claro". "O que Blanco non dixo é que esa débeda se ía a financiar vendendo uns terreos polos que a Xunta está a tentar, de acordo co Concello, ou polo menos co que di, que sexan públicos e non se dediquen a facer outro Palexco ao bordo do mar", advertiu. "Que diga que convenio e quen o asinou", retou o dirixente popular, antes de circunscribir este acordo "en xullo do ano 2011".

Preguntado acerca de se debería haber unha auditoría no porto exterior da Coruña, respondeu que "para empezar sería bo que se respondesen a estas preguntas". "E despois xa veriamos, dentro das regras de xogo que tiveron todos os portos, se esa infraestrutura está ben xestionada", apostilou.

POSTURA DO PSDEG

Pola súa banda, tamén nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que "as dificultades" da Autoridade Portuaria "non veñen de agora" e destacou que o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero "permitiu atrasar o abono da débeda" e facer viable a situación até a actualidade.

"Pero hai unha responsabilidade dos xestores durante os anos pasados", subliñou Leiceaga, que denunciou os "sobrecustos" das obras de "máis de 200 millóns froito de decisións da Autoridade Portuaria". A iso, segundo indicou, súmase que "as previsións de tráfico contrastan coa realidade". "O señor Blanco fixo referencia ás promesas electorais de Feijóo, por exemplo en relación con Pemex que non se concretaron", indicou.

Por todo iso, lembrou que hai unha débeda duns 300 millóns de euros, "derivada dos xestores pasados" da entidade, que debe encamiñarse desde "Fomento en colaboración coa Xunta e o Concello".

PROPOSTA DO BLOQUE

A este tema tamén se referiu a líder do BNG, Ana Pontón, noutra rolda de prensa ofrecida este luns. Así, a dirixente nacionalista avanzou que a súa formación volverá pedir no pleno da Cámara galega que as obras do Porto Exterior de Punta Langosteira sexan financiadas polo Estado e "non con cargo á venda de terreos que son propiedade da cidade da Coruña".

Ademais, lembrou que volverá levar ao Parlamento de Galicia esta proposta despois de que fose rexeitada co voto de "todos os deputados do PP" hai "apenas dous meses". "Os mesmos que agora rachan as vestiduras porque outros territorios defenden os seus intereses", denunciou.

ALCALDE DA CORUÑA

Pola sáu banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, chamou ás administracións a "explorar posibilidades legais" para dar cunha solución, que non pase por "hipotecar" a cidade coa venda dos peiraos, para saldar a débeda da Autoridade Portuaria contraída pola construción do porto exterior de Punta Langosteira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta