As comisións de sanidade e O Marisquiño darán pasos antes do Debate da Autonomía, que será do 9 ao 11 de outubro

Os grupos manteñen o seu tirapuxa nos plans de traballo co foco nas comparecencias de Feijóo e Abel Caballero.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2018 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

As dúas comisións de investigación que se activarán no Parlamento de Galicia —sobre os recortes en sanidade e o accidente do Marisquiño en Vigo— darán os seus primeiros pasos antes do Debate sobre o Estado da Autonomía, que se celebrará entre os días 9 e 11 de outubro no Pazo do Hórreo.

Accidente no Marisquiño en Vigo
Accidente no Marisquiño en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

En concreto, os grupos terán de prazo até o vindeiro luns para rexistrar os nomes dos integrantes de ambos os órganos e o seguinte paso será que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, convoque para a constitución formal das comisións, o que previsiblemente ocorrerá antes do debate, posto que quedarán dúas semanas de marxe.

En todo caso, non faltaron queixas e dúbidas por parte dos partidos da oposición. Así, a portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou o prazo dunha semana para as propostas de nomes "un pouco esaxerado" e acusou ao PP de impedir que se fixase "un calendario pactado" para a activación das comisións. "Se hai vontade política, os plans de traballo poden estar antes do debate", remarcou.

O portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, negou este extremo e dixo que foron os letrados "e non o PPdeG" quen lembrou que hai uns prazos que hai que cumprir, aínda que deu a entender que non se retardará a activación dos órganos, senón que se fará "inmediatamente" tendo en conta precedentes como a comisión das caixas de aforros.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que aos socialistas lles parece "ben" o prazo dunha semana para os nomes dos integrantes das comisións, á vez que avanzou unha proposta de plan de traballo "esixente e amplo" no caso da de "recortes" sanitarios.

Na mesma liña situáronse Pontón e o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen ampliaron que as súas "esixencias" para "coñecer a verdade" tamén serán elevadas na investigación parlamentaria do Marisquiño; mentres que o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, subliñou que ambas as comisións —aínda que na de sanidade abstivéronse— son impulsadas pola oposición.

TIRAPUXA COS PLANS DE TRABALLO

E é que o tirapuxa que os grupos evidenciaron sobre o plan de traballo de ambas as comisións nas roldas de prensa da pasada xornada, tese replicado un día máis nas comparecencias deste martes, após a Xunta de Portavoces. No foco están as posibles comparecencias do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na de sanidade, e a do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na do Marisquiño.

Así, o tres portavoces de En Marea, PSdeG e BNG incidiron en que Feijóo debe "dar a cara" por feitos "tan graves" como a morte dun paciente nunha PAC da Estrada en agosto, e a "falta de medicación" a enfermos da Hepatite C. Para Villares, de non acudir á Cámara sería "o único" presidente en non facelo, o que lle convertería no "Vladimir Putin de Occidente".

"Será porque el aspira a ser o Che Guevara de Oriente", replicou Puy, quen, sen pronunciarse acerca da comparecencia de Feijóo —quen na pasada xornada manifestou que lle parecía "unha gran oportunidade" poder falar de sanidade no Parlamento— lamentou "a deriva da política contemporánea".

Tras remitirse á afirmación de que "os recortes matan", explicou que estivo a falar con compañeiros de Andalucía, "onde tamén houbo desgraciadas mortes" no ámbito sanitario. "E o PP non bota a culpa á presidenta socialista nin a fai pasar por estas cuestións", explicou, antes de lamentar a actitude do PSdeG en Galicia.

Sobre O Marisquiño, co foco na solicitude de comparecencia de Abel Caballero —aínda que En Marea e BNG tamén poñen o foco no Porto e na Xunta—, Fernández Leiceaga limitouse a avanzar que os socialistas participarán na comisión, pero non que votarán en relación á comparecencia do rexedor vigués.

En todo caso, suxeriu que o feito de que o Parlamento non sexa "o foro adecuado" para abordar este asunto podería facer que haxa persoas que "non se sentan interpeladas", o que pode contribuír a "deslexitimar" a Cámara autonómica.

O DEBATE "MÁIS DIFÍCIL" PARA FEIJÓO

Finalmente, a Xunta ratificou que o oitavo debate de política xeral galega con Feijóo como presidente, e o segundo desta lexislatura, celebrarase entre o 9 e o 11 de outubro.

Villares augurou que para Feijóo será "o máis difícil" da súa "historia" como presidente, ao entender que para o mandatario o último foi un "annus horribilis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta