Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2018 | Actualizada ás 17:54
Segundo confirmou o avogado da nai, Javier Latorre, o bebé foi dado de alta ao redor da unha da tarde deste luns e entregado a unha familia de acollida de forma temporal. Apuntou que a nai, "que non foi imputada e non foi chamada a prestar declaración no Xulgado", pode visitar ao bebé dúas veces por semana.
O Xulgado decretou a retirada da custodia tras recibir o informe do hospital de Lugo, ao que chegou o bebé a madrugada do pasado martes, en estado de semiinconsciencia. Nas probas de ouriños practicadas atopáronse mostras de cannabis. A nai e a súa parella levaran ao bebé ao centro de atención primaria de Vilalba cando comprobaron, ao darlle o biberón ás seis da mañá, que tiña un comportamento estraño e sufría espasmos, sendo posteriormente trasladado ao Hula de Lugo.
Con todo, a retirada da custodia foi recorrida o venres polo avogado defensor da nai, que remarca que se trata dunha medida "desproporcionada", que se adoptou sen informe de Fiscalía, do servizo de menores e sen tomar declaración á nai. O letrado lamentou por iso que aínda fose "este luns" cando o Xulgado remitise á Fiscalía o auto do 18 de setembro, case "unha semana despois".
"Iso é o grave, entrou en Fiscalía hoxe, esta mañá, unha semana despois, desde o 18 de setembro", criticou, lembrando que, aínda que o auto xudicial retira a custodia do bebé á nai, non se impediu á muller que o atenda durante toda a semana no hospital e insiste en que non está imputada nin tivo que prestar declaración.
En todo caso, confía en que Fiscalía informe se apoia ou non o recurso como máximo cara ao mércores. A continuación, será a Xuíza que instrúe o caso a que deberá resolver as medidas que se adoptarán e se devolve a custodia á nai do bebé. Ademais, apunta a que a xuíza de Instrución de Lugo terá que inhibirse porque o caso pertence a Vilalba, que foi onde se produciron os feitos.
A NAI ASEGURA QUE O BEBÉ PUIDO COLLER O HAXIX POR ERRO DO CHAN
O avogado defensor, baseándose na versión da súa clienta, explicou o día 17 a última hora da tarde, a muller estivo coa súa parella e co bebé na zona "de terrazas" de Vilalba, onde cre que puido ter collido e inxerido de forma accidental algún anaco de haxix ou unha cabicha. Incide en que a muller "non é consumidora de drogas e que na súa casa non hai haxix, está disposta a que lle fagan as análises necesarias para demostralo".
O avogado relata que o neno chegou en perfecto estado á súa casa e durmiu con normalidade o luns, pero cara ás seis da mañá, cando se espertou para tomar o biberón, comezou a actuar de forma estraña e sufrir espasmos. Por este motivo, a muller e a súa parella decidiron levalo ao centro de saúde de Vilalba, de onde foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.
Nas probas que se lle realizaron, o bebé, que ingresou en estado de semiinsconsciencia, deu positivo a cannabis en ouriños. Fontes xudiciais informaron que se practicarán as xestións pertinentes para poder determinar como un neno de tan curta idade puido sufrir dita intoxicación. Deste xeito, remitíronse mostras de ouriños a toxicoloxía co fin de concretar, na medida do posible, o nivel de toxicidade e se se produciu por impregnación ou por inxesta directa, precisan as mesmas fontes.
Tamén se acordou a realización dunha análise de cabelo do bebé para determinar se houbo consumo continuado no tempo, para constatar se existiu unha facilitación directa ou se trata dunha inxesta accidental. Mentres non se realizan estas indagacións, a custodia do bebé foi asumida pola Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.