Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 14:44
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o Partido Popular "non tomase nota" da vaga de incendios de outubro de 2017 --que arrasou case 50.000 hectáreas e provocou catro falecidos-- e manteña "a mesma política forestal" ao "servizo de Ence e de Finsa".
Nunha rolda de prensa celebrada este luns, xornada na que se cumpre o primeiro aniversario desta catástrofe, Ana Pontón lembrou que os incendios tamén provocaron perdas millonarias e permitiron ver a unha "sociedade galega que estivo á altura das circunstancias e que loitou solidariamente contra o lume".
Con todo, un ano despois, censurou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo "siga coa mesma política forestal pirómana, de abandono do rural e de aposta polo eucalipto, unha política forestal hipotecada aos intereses de Ence e de Finsa".
Fronte a iso, a líder dos nacionalistas galegos urxiu un cambio de rumbo e ofreceu "man tendida para cambiar o guión" cara a un monte ordenado e multifuncional que deixe atrás un modelo "fracasado" no que a superficie agraria útil é substituída por especies pirófitas.
"O mellor que pode facer o PP é retirar o plan forestal que se está tramitando e que só beneficia a dúas empresas", instou, á vez que insistiu na necesidade de apostar por un monte multifuncional e por un plan integral de loita contra os incendios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.