O Goberno central estudará ampliar a declaración de Patrimonio da Humanidade tamén ao centro de Lugo

Actualmente teñen esta declaración a Muralla, a catedral e o Camiño Primitivo.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 05/02/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, avanzou en Lugo que o seu ministerio "avaliará" estender a candidatura para Patrimonio da Humanidade de Lugo do centro histórico da cidade.

Maroto puntualizou que "son varias as cidades que todos os anos se sitúan" e que "hai que valorar unha delas", pero engadiu que o que o Ministerio de Turismo fará "será unha avaliación das candidaturas, axudando, neste caso á alcaldesa (Lara Méndez) que pediu tamén que se lle axude a configurar o proxecto".

"Nós temos o reto de elixir o mellor candidato e, sen dúbida, avaliaremos os proxectos e eu estou para apoiar este proxecto, como outros que nos solicitan e sempre gañará o mellor, pero están a traballar con moita ilusión e é algo que Lugo reivindica desde hai tempo e o importante é polo na axenda", destacou.

Maroto, que visitou o viveiro de empresas do concello de Lugo e concluíu a súa visita no Cárcere Vello, deixou claro que "en materia de turismo non hai que ser compracentes". "Tivemos marca de número de visitantes en España superando os 86 millóns pero a pesar diso queremos seguir traballando. Cremos que o turismo pode seguir xerando riqueza e emprego, que todos os territorios sitúen ao turismo como unha panca de desenvolvemento e sobre todo en Galicia", dixo.

A ministra de Industria, Reyes Maroto, coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
A ministra de Industria, Reyes Maroto, coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez | Fonte: LX

TURISMO

Neste sentido destacou a experiencia de Lugo onde, dixo, a alcaldesa "fixo unha aposta por este proxecto que é ilusionante, que seguro que vai sumar tamén a moitos outros para que a candidatura que se presente sexa a mellor e gañe", subliñou.

Con respecto á candidatura da zona vella, dentro de murallas, a alcaldesa de Lugo explicou que o obxecto agora é a "ampliación da declaración de Patrimonio da Humanidade a todo o centro histórico (Lugo xa conta con tres; a muralla, o camiño primitivo e a catedral), delimitado por ese gran patrimonio que é a muralla". Un "segundo proxecto" polo que aposta o Concello é "a declaración da cidade de Lugo como cidade gastronómica, porque é un patrimonio inmaterial".

En canto á zona vella, Méndez destacou que se está traballando "desde a concellaría de cultura, e xa levan moito tempo traballando neste campo, no que se está a piques de materializar un convenio coa universidade a través do Centro de Estudos da Historia da Cidade" que "se situará" no Cárcere Vello.

Previamente, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou, á súa vez, "a posta en marcha de medidas importantes para reforzar o comercio de proximidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta