Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 14:12
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fiou o apoio á investigación en Galicia á presenza "decisiva" da formación nacionalista no Congreso tras o próximo 28 de abril e comprometeu traballar para "duplicar" o investimento en I+D+i en Galicia, co fin de desenvolver a carreira investigadora e "acabar coa precariedade" neste sector.
Ademais desta medida, que tamén ten como obxectivo que os investigadores "non tiren a toalla", defendeu por unha ciencia que "aposte por todo o talento das mulleres", xa que aínda que hai "referentes internacionais" como Mabel Louza, "non é a realidade das mulleres científicas", que adoitan atopar "barreiras ao seu desenvolvemento profesional".
Pontón, xunto a outros dirixentes nacionalistas --o candidato ao Congreso pola Coruña e a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín--, visitaron este martes de campaña electoral o Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus), un dos centros de investigación máis relevantes de Galicia, situado en Santiago de Compostela, que forma parte da rede de centros singulares de investigación do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela.
Para a líder nacionalista, nestes anos "fallou o financiamento público" e "recortouse" tanto por parte do Goberno central como autonómico, o que provocou "a emigración de moito talento que hai que recuperar". "Porque en Galicia temos a capacidade para poder desenvolver todo o potencial que temos neste ámbito", incidiu, antes de lembrar que hai un mes os investigadores españois asinaron un manifesto no que denunciaban que a baixa execución orzamentaria "estaba a pór en perigo o propio sistema de investigación".
Na súa intervención, apuntou que o Goberno central reduciu os fondos ata niveis de hai "15 anos", mentres que a Unión Europea incrementouno un 25 por cento. No ano 2016, dixo, deixouse de executar o 60% dos fondos, ao ano seguinte foi "peor" con sete de cada dez, mentres que en 2018 foi o 53%. "E polo que nos dixeron aquí hoxe, a cifra este ano vai ir nunha situación moi similar", advertiu Pontón, quen apuntou que a "investigación é básica" para o desenvolvemento do país, para curar enfermidades e "Galicia ten potencia para ser referente".
VISITA PEDRO SÁNCHEZ
Noutra orde de cousas, ao ser preguntada pola presenza do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, en Ourense e Vigo este martes, Pontón reafirmouse en que o "programa socialista para Galicia viuse nos orzamentos do Estado", en que "a aposta que fixo cun pacto con Podemos e En Marea foron os orzamentos máis baixos en 17 anos".
"E neste país seguimos tendo problemas importantes: Alcoa segue sen ter unha solución, as nosas rías seguen sen estar saneadas, temos unha riqueza como a capacidade enerxética que está a servir para engordar as portas giratorias en lugar da este país, temos ao noso sector pesqueiro en situación crítica...", enumerou Pontón, quen se ratificou en que é "unha visita máis de turismo, a pedir os votos, pero non veñen contar o que poden facer por Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.