GC Aberto

O galego no Congreso

O galego acaba de se converter nunha lingua litúrxica, unha sorte de latinorio, no Congreso español. Tal e como xa o vén sendo, dende hai moitos anos, no Parlamento galego.

Por admin | Ferrol | 21/09/2023

Comparte esta noticia

Iolanda Teixeiro Rei

Un dos emblemáticos leóns que se atopan diante da fachada do Congreso dos Deputados na Praza das Cortes de Madrid.. Óscar J.Barroso - Europa Press - Arquivo
Un dos emblemáticos leóns que se atopan diante da fachada do Congreso dos Deputados na Praza das Cortes de Madrid.. Óscar J.Barroso - Europa Press - Arquivo

Como escrevía o grande Darío Xohán Cabana en A lingua en 2050: A independencia de Galicia -ou algo moi parecido- non garantiría totalmente a supervivencia do galego e a súa consolidación como lingua nacional; pero sen ela estes obxectivos son practicamente imposibles a longo prazo. E iso que o Darío non ousava soñar con mil senón con cen primaveras máis. El cría que pouco poderiamos facer contra a destrución do galego mentres tivesemos os raposos gardando o galiñeiro, eses raposos populares que hoxe no Congreso vimos renegando do uso da nosa lingua, unha vez máis. Secundados por un presidente da Xunta que pasándose polo forro o Estatuto de Autonomía e aldraxando a esa gran parte de seu electorado galegofalante, se alía novamente cos fascistas de Vox.

Porén, Darío dicía neste livro coletivo que a culpa non era dos raposos que obran segundo a súa natureza senón tamén de todos os galegos que prometemos movilizacións sen descanso cando o ataque lingüicida do primeiro governo Feijóo e non as fixemos, e  culpa tamén deses sindicatos de ensinantes nacionalistas e de esquerda, todos eles teoricamente comprometidos coa causa do galego. 

Cismando no afouto das certeiras verbas do tristemente finado Darío (sobranceiro tradutor de A divina comedia, de Dante Alighieri, entre outras moitas obras)  pregúntome que freo vai supor para a morte do galego que uns deputados muden a súa lingua de uso habitual, que é en tantos casos o castelán, dentro do hemiciclo. Vai facer isto que as novas xeracións que nunca o mamaron falen galego, esas que empregan as linguas importantes en internet, esas que cursan aulas en colexios plurilingües onde a lingua propia parece pasar pola máis impropia, a un nível incluso inferior do que a lingua estranxeira?. 

Chegará un día en que o galego só se fale en cerimonias de aparentar e nos parlamentos mentres nos propios territorios de orixe só se platique unha sorte de espaninglis?.

A min, -que, como a tantas,  me expropiaron a lingua na neneza- a única ledicia que me deu escoitar  hoxe o galego no Congreso foi a saída de Vox a fume de carozo.

Porque acaso hai linguas máis belidas que aquelas que o fascio rexeita?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta