Coñece que hai detrás dos fondos europeos de reconstrución e que poden significar para Galicia

Os Fondos Next Generation da UE están “alterando” o panorama social e político en todo o Estado. Galicia en concreto presentou unha serie de proxectos para ter acceso a parte destes orzamentos “extraordinarios” da Unión Europea. A oposición parlamentaria acusa á Xunta de falta de transparencia sobre os plans que presentou para pedir fondos e discrepa sobre quen debe xestionar a distribución dese diñeiro que ven como unha oportunidade “única”.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os partidos galegos da oposición acusan de falta de transparencia á Xunta sobre aquilo que o goberno de Feijóo denomina “proxectos” de cara ao acceso a fondos europeos Next Generation. Dentro da oposición, o PSdeG abonda nas teses do PSOE que debe ser o Goberno central quen fiscalice as axudas. O BNG, pola súa banda, considera que os fondos que consiga captar Galicia deben ser xestionados en Galicia. Pola súa parte o PPdeG, en apoio ao executivo galego, segue as directrices marcadas desde a UE, mais marcando diferenzas co Goberno de Pedro Sánchez. Finalmente, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta falaron da creación dunha oficina conxunta de “identificación de proxectos empresariais” que permita a captación de fondos.

Feijóo
Feijóo | Fonte: EP

UNHA CONCORRENCIA MOI COMPETIDA

“Galicia ten que presentar proxectos que cumpran obxectivos marcados pola UE, así é como se captarían os fondos europeos, pensar en ditos fondos como un mecanismo de reparto é un erro” explica o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. A idea de reparto segundo porcentaxes “iría contra a filosofía dos mesmos fondos” que son a dinamización económica e que haxa equidade no momento do seu reparto.

Quen debe fiscalizar o reparto é o Estado, así se fixou  porque a Unión Europea é un club de estados” apunta o viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, quen aclara ademais que “outra cousa é a cooperación administrativa compartindo datos entre autonomías e Goberno central”.

Desde o BNG, a deputada Noa Presas avalía a situación como “de falta de transparencia abismal por parte da Xunta e do Goberno central porque descoñecemos os criterios de reparto”. Ditos criterios, segundo Noa Presas, conteñen unha letra pequena que o goberno de Sánchez non compartiu. “Non sabemos cal é a folla de ruta de Sánchez, por que a xestión non é territorial e ademais deberíase ter en conta a cuestión estrutural dos territorios”.

Pedro Sánchez en rolda de prensa.. POOL - Arquivo
Pedro Sánchez en rolda de prensa.. POOL - Arquivo

Os proxectos que se presenten entrarán nunha fase de concorrencia, é dicir, haberá unha avaliación dos mesmos para estimar cales acceden ou non aos fondos. Así, das cento oito propostas da Xunta, poden ser aceptadas todas, algunhas ou ningunha, dependendo de como se presenten e contra quen compitan. De aí que os diferentes sectores políticos, industriais e sociais reclamen a súa presenza ou, polo menos, ter coñecemento de cales son as opcións que presenta o executivo de Feijóo.

Sobre a xestión dos fondos, a Vicepresidencia Segunda da Xunta declara que “En canto a como se van xestionar e repartir os fondos é un asunto que lle compete ao Goberno central, que aínda non aclarou cal será o mecanismo para a súa adxudicación, Galicia non ten información de como vai ser o procedemento”.

PROXECTOS, EMPRESARIOS, XUNTA E MESAS DE DIÁLOGO

Nunha entrevista a Galicia Confidencial, o presidente da CEG, Juan Vieites, falaba de mesas intersectoriais público-privadas para traballar sobre a captación de fondos. Neste sentido, o pasado dous de marzo o vicepresidente segundo Francisco Conde e o propio Vieites, confirmaban que tanto a Xunta como a Confederación estarán ambas as dúas nunha mesa común para o deseño de propostas a presentar diante do Goberno central.

“A CEG e as súas organizacións integradas poden e deben desempeñar un papel chave contribuíndo á identificación e definición de proxectos financiables con fondos da UE” sinalan desde a mesma Confederación empresarial. O propio presidente da CEG sinalaba en Galicia Confidencial que nun primeiro anuncio, Galicia recibiría 441 millóns de euros, unha cantidade que motivou a denuncia da “discriminación” que supón este montante para a nosa comunidade, “o mesmo que co PGE”.

Postos en contacto coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, a resposta desde o departamento de Francisco Conde confirma que “a Xunta está presentando proxectos tanto directamente (ao Goberno central) como en apoio da iniciativa público-privada”. Entre as diferentes iniciativas presentadas figura o Polo para a Transformación de Galicia para mobilizar un investimento de 3.300 millóns de euros. Este punto abrangue desde a economía circular, xestión sustentable dos bosques e dúas iniciativas vinculadas ás enerxías limpas.

UNHA OPORTUNIDADE ÚNICA QUE PODE ESCAPAR

Juan Vieites sinalaba que “eses fondos son como unha oportunidade única e dinamizadora do tecido empresarial”. Destacaba a importancia de que chegue a todo o mundo e para iso “fai falta un diálogo cos empresarios establecendo canles desburocratizadoras para poder presentar proxectos, ademais do apoio institucional”.

Existe o risco de que Galicia perda o tren destes fondos europeos? “O risco é evidente en Galicia. A cuestión é que a Xunta faga ben os deberes, porque é a súa competencia segundo o artigo 30 do Estatuto de Autonomía” di Pablo Arangüena. Perder a oportunidade dos fondos Next Generation en Galicia para o viceportavoz parlamentario socialista ten unha base firme en que “levamos doce anos sen proxectos porque a Xunta non fixo política industrial porque non cre nela”. O temor de Arangüena é que a Xunta non asuma o papel de liderado outorgado polo Estatuto.

Cando as decisións se toman en Madrid ou en Bruxelas en relación a sectores económicos como o naval, pesca ou agricultura, Galicia sae perdendo” explica Noa Presas que insiste no escurantismo das administracións central e autonómica en canto aclarar cales serán os sectores beneficiados e cal será o montante total achegado ás catro provincias galegas. “Entedemos que debe ser un 9% do orzamento destinado a España, somos o 6% da poboación do Estado e por outra parte, pedimos un plus por termos unha economía moi debilitada”.

A nivel de Estado non hai unhas directrices claras sobre os proxectos que se presentarán” destaca Pedro Puy. Sobre o comportamento da Xunta, o portavoz popular no Parlamento de Galicia declara que “a Xunta atende a criterios que marca Europa e que son trasladados polo Goberno central aos axentes”. Non obstante, Puy tamén sinala que dentro das forzas galegas existe “preocupación de que os fondos non se repartan con criterios obxectivos obedecendo a decisións discrecionais, políticas”.

Desde un primeiro momento Galicia pediu cogobernanza, transparencia nos criterios e unha selección por concorrencia competitiva” din desde Vicepresidencia Segunda. “Defendemos unha recuperación simétrica das CCAA tendo en conta factores como despoboamento, envellecemento, dispersión xeográfica, transición ecolóxica ou os niveis de renda per cápita”.

A oposición parlamentaria coincide no temor a unha mala xestión dos fondos europeos que entregue o Estado á Xunta. PSdeG defende a xestión centralizada proposta pola UE. O BNG reclama a xestión desde o territorio aínda que tampouco confía nos criterios do actual goberno galego. Por outra parte, a Xunta critica a falta de criterios por parte do Goberno central en coincidencia co BNG. Mentres, representantes do empresariado galego queren deseñar os proxectos na mesma mesa que a Xunta de Galicia. Todos estes movementos farán perder outra oportunidade “única” a Galicia?

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen . Pool
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen . Pool
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta