Contaminación acústica en Galicia: sabes cales son as cidades máis ruidosas en función do mes do ano?

Vigo sitúase á cabeza con diferenza, coas festas de Coia e o verán como picos de ruído. Lugo, pola contra, perde ruído nos meses de verán, cando a xente deixa a cidade. Outras cidades como é o caso de Ferrol xa non manifestan niveis de contaminación acústica elevados en ningún mes do ano 2023.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As cidades son fonte de ruídos constantes, de aí que moita xente que vive nas grandes urbes galegas trate de desconectar durante os días libres e as vacacións lonxe das mesmas, no campo e en zonas rurais. Coches, discotecas, bares, estudantes, tecnoloxía, sereas, pitidos... Todos os días os cidadáns están expostos a unha serie de ruídos que, aínda sen sabelo, poden perxudicar tamén á súa saúde mental. Dende o Galicia Confidencial, e baseándonos no informe de ruído ambiental emitido por MeteoGalicia o pasado ano 2023 a partir dos datos extraídos das nove estacións que teñen para medir a contaminación acústica, contámosvos cales son as cidades galegas máis ruidosas e durante que meses se rexistra maior problemática en cada unha.

Atasco de tráfico na saída de Santiago de Compostela dirección sur (Pontevedra e Vigo), a 30 de outubro de 2020
Atasco de tráfico na saída de Santiago de Compostela dirección sur (Pontevedra e Vigo), a 30 de outubro de 2020 | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

VIGO: MESES DE XULLO E XUÑO COMO OS DE MAIOR PROBLEMÁTICA

Con diferenza, a cidade con maior nivel de ruído ambiental é Vigo. A estación de medición situada en Coia demostra que se trata dunha zona especialmente ruidosa dentro das que hai no territorio galego. Os meses de xullo e xuño son os máis conflitivos con diferenza. En xullo, durante o día, chegáronse a rexistrar 65 decibeles (dB), pero durante a tarde chegouse ata os 75 dB e pola noite ronda os 72 dB. En xuño, o ruído durante o día queda nos 61/62 dB, na tarde chégase a case 70 dB e xa durante a noite vólvese baixar aos 65 dB. Por que nestes meses? Unha explicación dada dende MeteoGalicia é que durante o mes de xullo son as festas precisamente nesa parroquia viguesa de Coia e, ademais, o de xuño pode explicarse porque Vigo ten moito turismo durante o verán. Os demais meses teñen un ruído bastante igual, que ronda os 60 dB.

OURENSE: RUÍDO SOSTIDO AO LONGO DO ANO, ALGO MÁIS ELEVADO EN INVERNO

Aínda que poida pensarse que a segunda cidade con maior nivel de ruído sería A Coruña, segundo as estacións de MeteoGalicia sería Ourense. A estación situada na rúa Euloxio Gómez Franqueira-Estacións da cidade das burgas, nunha zona de intenso tráfico, rexistrou niveis de ruído sostidos durante case todos os meses do ano, aínda que algo superiores a finais do 2023, nos meses de novembro e decembro, e tamén a comezos de 2023, no mes de xaneiro. Collendo como exemplo o mes de novembro, nel durante o día acadáronse os 65 decibeles (dB), pola tarde rondáronse os 64 dB e pola noite o nivel de ruído caía ata os 59 dB. E aínda que eses foron os meses máis ruidosos analizando todo o día no seu conxunto, as noites máis ruidosas con diferenza foron as de xullo, nas que se chegou aos 75 dB, cando durante todos os demais meses o normal era que se rondasen os 60 dB.

Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023
Mozos lucenses gozan da festividade de San Froilán nos locais e discotecas da zona, a 5 de outubro de 2023 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

A CORUÑA: O RUÍDO DIURNO É MOI ELEVADO EN AGOSTO E O NOCTURNO EN XUÑO

En terceiro lugar si que poderiamos situar a cidade da Coruña, segundo os datos rexistrados pola estación de Riazor, zona de tráfico moi denso. Os rexistros non amosan moitos cambios ao longo dos meses, destacando só o nivel de ruído diurno rexistrado en agosto, cando se chega a picos de 68 decibeles (dB), aínda que pola tarde cae a poco máis de 60 dB e pola noite xa baixa radicalmente a 55 dB. De feito, as noites de maior ruído rexistrado non son as dese mes de agosto, senón as de xuño, cando se superaron un pouco os 60 dB, con tardes igualmente por enriba dos 60 dB e días que rondaban os 61/62 dB. O resto dos meses os datos foron bastante homoxéneos, con algunhas diferenzas especialmente na primeira parte do ano, pero lixeiras. Tamén se podería destacar que nos meses de setembro, outubro e novembro o nivel de ruído diurno é bastante elevado.

LUGO: UN VERÁN SEN RUÍDO ELEVADO, CON XULLO E AGOSTO TRANQUILOS

Seguidamente estaría Lugo, onde a estación de MeteoGalicia situada na Avenida de Fingoi rexistrou que o mes con máis ruído do pasado ano 2023 foi, con gran diferenza, novembro, seguido de decembro. En concreto, o pico máis alto de ruído diurno durante o mes de novembro chegou aos 64 decibeles (dB), que baixaban aos 63 dB pola tarde e ata os 59 dB pola noite. Tamén cómpre resaltar que o nivel de ruído nesa estación e, polo tanto, na cidade de Lugo, durante o verán baixa tremendamente, sendo xullo e agosto os meses de menor nivel de contaminación acústica.

PONTEVEDRA: NON SUPERA OS 60 DECIBELES EN NINGÚN MES DO ANO

No caso da cidade de Pontevedra, a estación situada en Campolongo non chegou a superar os 60 decibeles (dB) en ningún mes do pasado 2023, só chegando a acadalos nas noites do mes de xuño, o mes con máis ruído de todos. Polo día os valores rexistrados tamén rondaban eses 60 dB e pola tarde descendían lixeiramente aos 56 dB. Ademais, aínda que non hai ningún mes especialmente ruidoso nin ningún que non o sexa como tal, pódese sinalar que as noites con menos ruído na cidade foron as de febreiro ou xaneiro, ao estar por debaixo dos 50 dB.

SANTIAGO: SEN CONTAR COAS FESTAS, DIFERENZAS ENTRE O CAMPUS E A URBE

Un caso particular dase na cidade de Santiago, onde MeteoGalicia ten dúas estacións de medición do ruído: unha no Campus e outra en San Caetano. A situada no Campus rexistra claramente que os meses con maior nivel de ruído de 2023 foron os de setembro e outubro. Así, durante as noites de setembro, chégase aos 65 decibeles (dB), pola tarde aos 64 dB e polo día quédase nos 56/57 dB. Pola súa banda, os días máis ruidosos de outubro chegaron aos 62 dB, as tardes rondaron os 61 dB e as noites os 62 dB. Mentres, os meses menos ruidosos foron, precisamente, os do verán: xullo e agosto, cando non hai estudantes no campus por estar de vacacións. Iso si, MeteoGalicia precisa que por motivos técnicos non quedaron rexistrados os datos relativos aos eventos de ocio do verán, en concreto, do mes de xullo (festas do Apostolo).

No caso da estación situada en San Caetano, o mes con maior nivel de ruído rexistrado, con diferenza, foi xullo, especialmente durante as noites, cando se superaron os 65 decibeles (dB), aínda que os días baixaban aos 52/53 dB e as tardes andaban nos 52 dB. O resto de meses tiveron uns niveis de ruído moi iguais, destacando o ruído diúrno do mes de outubro, cando houbo días con picos de 56/57 dB, con tardes que baixaban aos 54 dB e noites que caían ata os 50 dB. Con todo, non hai ningún mes que destaque por ter baixo ruído nesa zona de Santiago, onde se sitúa a Xunta de Galicia e as obras de eliminación da antiga estación de buses. Todos os rexistros rondaban os 50 dB. Novamente hai que destacar, como pon de manifesto MeteoGalicia no seu informe, que xullo é un mes de festas en Santiago (as do Apóstolo). Tamén é un mes con importante número de visitantes, peregrinos e turistas convencionais.

FERROL: PRACTICAMENTE TODO O ANO QUEDA POR DEBAIXO DOS 60 DECIBELES

Pasando a Ferrol, a estación situada no Parque Raíña Sofía da cidade amosa rexistros moi semellantes durante todos os meses do pasado ano, que están moi por debaixo dos 65 decibeles (dB), superando os 60 tan só durante o día nos meses de maio e xuño. Estes dous foron, precisamente, os meses con maior nivel de ruído, aínda que polas noites ese ruído caía ata os 50 dB. De feito, foron máis ruidosas as noites de novembro, cuns 61/62 dB, que as de maio ou xuño. Pola súa banda, os meses de menos ruído foron os de inverno: xaneiro, febreiro e decembro. Por exemplo, en febreiro o ruído polas noites descendeu bruscamente ata os 46 dB, pola tarde chegaba aos 50 dB e polo día subía ata os 52 dB.

LAZA: NO RURAL NOVEMBRO E DECEMBRO NON SUPERAN NIN OS 40 DECIBELES

A maiores, MeteoGalicia tamén conta cunha estación situada nun concello do rural galego: a estación das Eiras, en Laza, na provincia de Ourense. Ao non tratarse dunha estación urbana, os niveis de ruído son moi inferiores aos das outras: rondando os 50 dB durante todos os meses. Xuño pode destacar algo máis chegando aos 58 decibeles (dB) durante as tardes, aínda que non superando os 51 dB polo día nin os 51 dB pola noite. Mentres que nos meses de novembro e decembro de 2023 case non se superaron os 40 dB ao longo de ningunha hora do día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta