Villares denuncia que o Goberno non dá "nin un só euro" aos mariscadores nin responde a petición de zona catastrófica

O BNG denuncia que a Xunta "segue sen facer nada" ante os datos "devastadores" no sector.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, censura que o Goberno central non achega "nin un só euro" a mariscadores galegos ante a situación de caída de produción que padecen, á vez que se queixa de que o Executivo de Pedro Sánchez non respondese á petición da Xunta da declaración de zona catastrófica das rías galegas pola mortaldade do marisco.

No pleno do Parlamento galego, a deputada do BNG Rosana Pérez alertou de datos "absolutamente devastadores" do marisqueo en Galicia no último ano e acusa á Xunta de que "segue sen facer nada ante esta desfeita", con "miles de persoas paradas". A modo de exemplo, referiuse a un esborralle o ano pasado dun 82 % do berberecho e do 76 % da ameixa babosa.

Respecto diso, o conselleiro do Mar queixouse de "non ter ningún tipo de resposta por parte do Goberno central" sobre a petición da Xunta de zona catastrófica, co que se buscaba "cubrir" os danos e as axudas ás empresas e traballadores. Díxolle ao Bloque que "podían botar unha man" en convencer ao Executivo central nos apoios, xa que "non hai un só euro". "Grítannos a nós, pero non lle gritan a quen nos pode axudar", quéixase.

Remarca os episodios "prolongados e inusuais" de precipitacións o outono pasado, un 127 % máis do valor climático normal, que fixeron baixar a salinidade, o que levou a unha mortaldade do 80 % nalgúns bancos marisqueiros e especies. Villares pon en valor a posta en marcha dun plan de 123 millóns a curto e medio prazo, entre o que se inclúen tres liñas de axudas de emerxencia por 15 millóns: a primeira na que se abonaron dous millóns do catro orzados, outra que se acaba de sacar de parada temporal con cargo ao Fempa e unha terceira que se publicará "en breve" de 350.000 euros en apoios a confrarías.

CRÍTICAS DO BLOQUE

Así mesmo, Rosana Pérez advirte que desde o ano 2009 as mariscadoras a pé baixaron desde as 4.281 ata 3.500, o que supón 781 mariscadoras menos (-18 %) actualmente. En cambio, expón que no que vai de 2024 incautouse tanta ameixa ilegal procedente de Portugal como en 2023. Por iso, Pérez cuestiona se "só chove e baixa a salinidade en Galicia". De tal forma, a deputada nacionalista pregunta ao conselleiro "se ten algunha estratexia" ante esta problemática, pois sostén que a Xunta "está a actuar para outros intereses que están moi lonxe do sector marisqueiro galego" para dar entrada a compañías.

A deputada do Bloque censura que o PP fala dun plan de máis de 100 millóns do que "non hai absolutamente nada publicado", ademais de que só se concederon dous millóns en axudas extraordinarias dos 4 millóns anunciados pola Xunta en precamapaña. Tamén di que se prometeron 10 millóns en axudas con cargo ao Fempa para paradas temporais, pero publícanse este mesmo mércores "con trampa" no DOG ao só incluír 7 millóns, á vez que "seguen sen estar convocadas" subvencións para confrarías. Nunha pregunta posterior, o deputado socialista Xullo Abalde (PSdeG) deixou claro que "a xente do sector non quere vivir de subvencións", senón traballar, polo que require que se rexeneren os bancos marisqueiros para que haxa emprego.

MARISCADORES
MARISCADORES | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta