Olga Dourado, Partido Galego:"Co diñeiro previsto para Altri poderían crearse moitas empresas ligadas ao I+D"

Olga Dourado González (Rianxo) é a cabeza de lista polo Partido Galego para as eleccións europeas. Exerceu como secretaria municipal en varios concellos, cousa que lle permitiu coñecer ben "o labirinto normativo" detrás da política local, autonómica e estatal. Defende un retorno económico xusto das enerxías que exporta Galicia. Tamén quere levar a Europa propostas para que retorne xente emigrada, sobre todo xente nova, ademais de reclamar cambios na política agraria común que virou nun elemento negativo para a agricultura e gandaría galegas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

-Por que decidiu presentarse a estas eleccións europeas polo Partido Galego?

Olga Dourado, candidata do Partido Galego
Olga Dourado, candidata do Partido Galego | Fonte: Partido Galego

Eu son funcionaria da administración local, son secretaria xeral de concellos, por tanto a xestión do común está moi ligada á miña vida profesional despois de trinta anos. Entre as miñas tarefas está o asesoramento aos políticos na parte xurídica e controlar o gasto. Entón, hai anos caín na conta de que todo o labirinto normativo que debiamos aplicar é incompatible coa xestión política e coas demandas da cidadanía, por iso decidín pasar á política. Tiven experiencias políticas, unhas mellores outras non tanto, mais como teño unha grande amizade cunha das fundadoras do Partido Galego, decidín dar o paso. Por iso e porque sinto a Galicia, polo nome do partido e o seu logo. Desta maneira decidín dar o paso ás eleccións europeas.

-Que elementos distinguen o Partido Galego doutras forzas políticas tanto estatais como de ámbito galego?
Eu estiven en forzas estatais e as políticas desas forzas xiran arredor de dous puntos: Barcelona e Madrid. Nós sentimos, cremos e vemos que non se ten en conta a política galega. As demandas galegas non se teñen en conta nin se estudan suficientemente porque as políticas centrais absorben todo. O Partido Galego, un partido que sente a terra, debe ser unha forza que aglutine e ser eixo de transmisión e para iso seguimos a proposta do Partido Galeguista onde confluían distintas correntes e sensibilidades mais os valores comúns eran sentir e amar a terra, desta maneira, queremos ser ese fío condutor. Queremos facer política construtiva e revitalizar o consenso no eido político. Non podemos seguir con este clima de confrontación política. Eu traballei con todas as forzas políticas cando eu era secretaria municipal e sempre cheguei a acordos con todas as forzas coas que me tocou traballar. Isto pódese facer tamén no ámbito político, as confrontacións non benefician ao cidadán e afástano da xestión do común. Nós queremos ser esa voz propia de Galicia para levala ás eleccións europeas.

-O Partido Galego vai en solitario. Non é apostar moi forte?
Foi unha aposta fortísima. Non foi doado mais chegamos aos 50 avais e elaboramos o programa, podo dicir que foi un traballo titánico. Consideramos que este é un paso necesario para dar a coñecer a nosa voz por todos os lugares de Galicia. Nós queremos ser un fío condutor entre os sectores produtivos e a xente con Europa.

Queremos facer política construtiva e revitalizar o consenso no eido político

Olga Dourado (centro) na manifestación contra Altri en Palas de Rei
Olga Dourado (centro) na manifestación contra Altri en Palas de Rei | Fonte: Partido Galego

-Cales son os puntos máis importantes do programa electoral e que desexan destacar no Parlamento Europeo?
Queremos potenciar a eurorrexión, un concepto actualmente moi diluído en España mais con moita forza no resto de Europa. A través da eurorrexión poden canalizarse moitas axudas e moitas políticas. Nós temos unha eurorrexión que está formada por Galicia e Norte de Portugal e que se conforma como un espazo de relacións culturais, económicas e sociais. Pensamos que pode ter moita importancia para a creación de empresas de I+D+i pensando no retorno do talento galego que temos espallado. En Galicia hai tres universidades que forman talento galego logo usado noutras partes do mundo. Outro dos puntos que queremos destacar é a nosa posición estratéxica con América, precisamente porque somos un país que emigrou a ese continente. Por iso cremos necesario aproveitar eses lazos para a implantación de empresas e relanzar a nosa economía. Logo temos outro potencial moi poderoso que é o valor do noso país, somos a terra dos mil ríos, das rías que teñen un alto valor produtivo e temos un patrimonio cultural e arquitectónico que é o máis numeroso do Estado. Finalmente, os nosos recursos enerxéticos. Temos todos eses muíños de vento esparexidos por Galicia e non hai un retorno para a xente. Dito retorno permitiría termos recursos para atraer empresas I+D+i. Tampouco é normal que o Kw teña o mesmo prezo en Galicia que noutros lugares que son “vampiros” enerxéticos. Cremos nun prezo diferente para as familias do país e para as nosas empresas. Debemos ter en conta que a construción de vivenda aquí ten uns custos máis elevados que noutros lugares da Península.

-Outras forzas políticas tamén levan o adxectivo “galeguista”. Onde está a diferenza entre o voso galeguismo e o doutras forzas políticas?
A nosa candidatura é cen por cen galega porque temos xente de todas as partes de Galicia. Eu estiven traballando en oito concellos distintos e podo dicir que hai algúns políticos que viven fóra da realidade, viven no seu despacho. Nós coñecemos a realidade galega, queremos estar en contacto con esa realidade cotiá. Temos coñecemento do noso, queremos manter esa idea dun partido de galegos, con galegos e para Galicia. Eses serían os tres eixos do noso partida. Certo é que hai partidos dunha banda e doutra que reivindican ese espazo, mais nós vemos que non conectan coa realidade, unhas por radicais e outras por estatais. No noso partido cabemos todos, mesmo os castelán falantes, non somos un partido excluínte. Aquí está recuncan persoas que veñen doutras forzas políticas porque o que queremos e facer sentir o valor do país e debemos ser nós quen nos debemos facer sentir en Europa.

-Que solucións querería propoñer o partido galego ás cuestións de Altri e Alcoa?
Sobre Altri estamos en contra de macroproxectos como este e que ademais absorbería orzamentos por valor de 300 millóns. Con ese diñeiro poderíanse poñer en marcha moitas outras industrias por todo o territorio grazas ao I+D. Non estamos a favor dunha empresa que consumiría tanta auga ou máis que a provincia de Lugo, contaminaría o río Ulla, alteraría a biodiversidade e sería unha bomba para a ría de Arousa.

Temos todos eses muíños de vento esparexidos por Galicia e non hai un retorno para a xente. Dito retorno permitiría termos recursos para atraer empresas I+D+i

-Nese sentido, o Partido Galego ten propostas para a instalación de proxectos enerxéticos limpos e respectuosos co medio ambiente?

Cremos no lema “Eólicas si, mais non así”. A eólica é unha grande alternativa aínda que se debe instalar en consonancia cos outros afectados. Segundo, debe ter un retorno para o pobo galego, non ten sentido instalar parques por todo o territorio e pagarmos, como dicía antes, o mesmo prezo polo Kw que outros lugares máis consumidores. Si que cremos en potenciar a eólica en consonancia cos sectores produtivos e cunha compensación para Galicia.

-Sobre a pesca, que propostas levarán a Europa e a instalación de eólicos mariños?
Hai que facer os estudos correspondentes para analizar a situación. Mais está claro que aquí apostaron por un modelo económico baseado no turismo e na industrialización e explotación de recursos sen retornos. Por exemplo, no caso do marisqueo vemos as implicacións do cambio climático e debemos reactivar o sector cos medios ao noso alcance, por exemplo, paros biolóxicos axudando á xente porque esas persoas teñen que vivir. A transición ecolóxica é unha realidade e é necesaria porque vemos que realizamos unha extración moi elevada dos nosos recursos e todo isto debe ter unha compensación. Por tanto, debemos falar da limpeza das rías, de impactos ecolóxicos mais todas estas políticas deben contar cos afectados e non facer só política de despacho.

-Os outros dous grandes sectores son a agricultura e a gandaría. Cales son os puntos programáticos sobre estes dous aspectos?
Vemos que as políticas agrarias comúns non tiveron o impacto positivo que pretendían, todo o contrario, non fixaron poboación e provocan peche de explotacións e debilitaron o sector. O modelo que se quixo implantar non funciona e haberá que darlle un novo enfoque. Pensamos nun modelo máis extensivo, que se poidan pechar os ciclos produtivos e todo isto debe facerse en combinación con outros sectores afectados. Cremos nun rural distinto ao modelo de granxas intensivas con grandes custos non funcionou. Apostamos pola agricultura de proximidade, cremos que hai que darlle o valor que debe ter fixando prezos, ter en conta os produtos que entran na UE sen levar garantía da UE e ademais son de fóra da Unión. E por outra parte, isto implica a mellora da saúde das persoas.

Mais está claro que aquí apostaron por un modelo económico baseado no turismo e na industrialización e explotación de recursos sen retornos

-Falaba do talento galego espallado polo mundo, como queren frear isto?
Necesitamos retornalo e o talento emigrado ten unha grande prestixio e non podemos perdelo. Por iso, consideramos necesario canalizar recursos para a implantación de pequenas empresas en todo o territorio sen recorrer a macroproxectos. Insisto en que debemos traer os e as traballadores que saíron fóra e que os recursos chegados de fóra sexan empregados en creación de I+D propio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta