O PP pedirá a Contas que audite a concellos que non presenten as súas contas en prazo, como Redondela, A Rúa ou Verín

Ve "particularmente alarmante" o caso de Redondela, "despois de que recentemente se coñecese que o Concello foi incluído, por primeira vez na historia, nunha listaxe do Ministerio de Facenda pola falta de pagamento aos seus provedores".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/07/2024 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O Grupo Popular do Parlamento de Galicia solicitará ao Consello de Contas que incorpore no seu plan de traballo para 2025 a realización dunha auditoría operativa aos concellos que non cumpriron coa obrigación de render as súas contas, segundo se prevé no texto refundido da lei reguladora das facendas locais.

"A día de hoxe, os concellos de Redondela, A Rúa e Verín non presentaron en prazo ante o Tribunal de Contas a súa Conta Xeral do ano 2022, o que supón que se descoñeza a situación económica-financeira correspondente a ese ano e non poida ser obxecto de fiscalización por esta entidade", lamentou o portavoz 'popular', Alberto Pazos, que este venres se desprazou precisamente a Redondela.

El lembrou que o artigo 223 da lei reguladora das facendas locais recolle que a fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais é función propia do Tribunal de Contas. Por iso, os municipios deben remitir a este organismo antes do 15 de outubro de cada ano a Conta Xeral do anterior, así como a execución e liquidación dos orzamentos.

Pazos concretou que os dous concellos ourensáns e o de Redondela son os únicos que neste momento aínda non presentaron as súas contas, vendo "particularmente alarmante" o caso deste último, "despois de que recentemente se coñecese que o Concello de Redondela foi incluído, por primeira vez na historia, nunha listaxe do Ministerio de Facenda pola falta de pagamento aos seus provedores".

En concreto, a débeda do Concello superaría os 3,3 millóns de euros desde finais do pasado ano 2022. "A principal consecuencia desta débeda é que o Goberno central vai tomar cartas directamente no asunto e comezará a ordenar o pago a provedores", apuntou o portavoz do Grupo Popular. Para iso, segundo dixo, utilizarase o diñeiro que lle correspondería ao goberno local do Fondo de Financiamento das Entidades locais e, se fose necesario, das partidas mensuais que o Concello ingresa.

"Estamos diante dunha situación moi preocupante que vai afectar directamente aos servizos que presta o Concello de Redondela aos seus veciños, xa que esta situación carrexa a imposibilidade dos concellos de recibir subvencións procedentes doutras administracións que, no caso concreto de Redondela, xa supuxo a perda de dous obradoiros de emprego solicitados", apuntou Pazos.

PEAXES AP-9

Por outra banda, aproveitou a súa visita á cidade para falar da liberación das peaxes da AP-9, indicando que "os galegos e os redondelanos xa están fartos de innumerables promesas que o Goberno de Pedro Sánchez fixo estes anos sobre as peaxes e a transferencia desta autoestrada a Galicia". "No caso concreto de Redondela, seguimos esperando a que o Executivo leve adiante o compromiso, xa asumido polo Goberno de Mariano Rajoy, de liberar a peaxe con Vigo. Xa van seis anos desde que no verán de 2018 se nos prometeu", lamentou.

Alberto Pazos este venres en Redondela
Alberto Pazos este venres en Redondela | Fonte: GRUPO POPULAR DO PARLAMENTO DE GALICIA

PAGO DE FACTURAS

Ante estas críticas, o goberno local de Redondela saíu ao pasado asegurando que esta semana comezou o pago das facturas pendentes aos provedores.

Nun comunicado, lembrou que o pleno do pasado mes de xuño aprobou o recoñecemento extraxudicial de 2,7 millóns de euros de gastos para facturas correspondentes a 2022 e 2023, indicando que non puideron ser pagadas no exercicio que debería por unha avaría do sistema informático. Este mes pagaranse máis dun millón de euros en facturas pendentes a pequenas e medianas empresas, comezando o pasado día 16 con 488.000 euros.

A alcaldesa, Digna Rivas, cargou contra o PP por facer "acoso e derriba" cara á súa persoa, cara ao goberno local e cara a Redondela en xeral. Ela lamentou que os 'populares' "xeren alarma social con mentiras, porque a realidade é que o Concello non está en quebra e os pagos están a se facer tal como estaba previsto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta