O presidente do TSXG urxe a creación de novos xulgados en Galicia ante o aumento de casos

Xunto ao fiscal superior, incidiu na importancia de afrontar a violencia contra a muller.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2024 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, demandou a creación de novos xulgados na comunidade autónoma para facer fronte ao aumento de casos "que se produciu en todos os órganos xudiciais, especialmente no civil".

Así o expuxo no acto de apertura do Ano Xudicial, celebrado na sede do alto tribunal galego con presenza de numerosas autoridades, ante os que incidiu no especial incremento de casos neste último ámbito, máis do sete por cento.

Tamén denunciou a "escasa creación" de órganos xudiciais, ademais de advertir das próximas xubilacións de xuíces. "En 2024 non se creou nova praza nin unidade xudicial en Galicia", indicou na súa intervención, alertando, ademais do número de xuíces en situación de interinidade.

Todo iso nun discurso con petición de novos edificios xudiciais en Muros, Padrón e Vilagarcía de Arousa e con insistencia na "inexistente creación de xulgados en vilas e cidades que o necesitan".

XULGADOS DE VIOLENCIA SOBRE A MULLER

"Este ano reiteramos a petición de iniciar un proceso para un xulgado exclusivo en materia de violencia sobre a muller en cada unha do sete cidades de Galicia, sen perder, por transformación, un xulgado en funcionamento", recalcou.

Fíxoo nun discurso no que, como o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, apelou a "visibilizar" a loita contra os malos tratos á muller. "En España as cifras son moi duras", expuxo para lembrar que en Galicia se presentaron o pasado ano un sete por cento máis de denuncias que en 2022. "E pensamos que non reflicte a realidade, que esta é superior", apostilou. Tamén o fiscal superior de Galicia insistiu, ante as cifras de mulleres asasinadas, na necesidade de contribuír "ao cambio social a favor da igualdade".

INCENDIOS E SINISTRALIDADE LABORAL

Este último, na súa intervención, fixo referencia a outras cuestións como a necesidade de seguir avanzando na loita contra os incendios, con palabras de solidariedade con Portugal pola vaga de lumes nese país. Deste tipo de delito, sinalou que constitúe "un terzo da actividade da cualificación fiscal".

Xa en materia de sinistralidade laboral, insistiu nos casos que se rexistran e indicou que a formación e o cumprimento da normativa son "claves" para reducir as cifras. Como en anteriores anos, alertou da delincuencia informática, especialmente das estafas.

Fachada do edificio do Xulgado do Penal número 2 de Lugo que acordou este luns impor unha pena de prisión dun ano e sete meses a un home acusado de violencia de xénero. En Lugo, a 8 de xullo de 2024.
Fachada do edificio do Xulgado do Penal número 2 de Lugo que acordou este luns impor unha pena de prisión dun ano e sete meses a un home acusado de violencia de xénero. En Lugo, a 8 de xullo de 2024. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta