O Parlamento urxe ao Goberno, con votos dispares da oposición, varias medidas contra a falta de médicos

A Cámara esixe ao Estado o cofinanciamento do 50 % da dependencia co único voto 'non' do PSdeG, que critica a xestión da Xunta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2024 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves unha nova iniciativa do PP para instar ao Goberno central a adoptar unha serie de medidas que a Xunta leva tempo reclamando ante a falta de profesionais médicos no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Os populares fixeron valer a súa maioría absoluta para propiciar que a Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego aprobase esta proposición non de lei que constaba de sete puntos que se votaron por separado a instancia do BNG e o PSdeG. Deste xeito, cada un dos puntos contou con, polo menos, o apoio dun grupo da oposición.

En concreto, por unanimidade saíu eliminar a taxa de reposición, "polo menos" en categorías deficitarias; axilizar a incorporación de novas prazas de formación sanitaria especializada; e acelerar a creación da nova especialidade de Medicina de Urxencias. Ademais, só o PSdeG votou en contra (o resto apoiárono) de axilizar a homologación de títulos de profesionais sanitarios estranxeiros e de modificar o sistema de elección de prazas MIR para evitar vacantes. En cambio, para reclamar que se flexibilicen os criterios polos cales os centros de saúde poden formar residentes, o 'non' deuno unicamente o BNG. En canto á petición de elevar ata os 72 anos a idade máxima de xubilación dos médicos, só a apoiaron o PP e DO, tendo en conta que socialistas e nacionalistas votaron 'non'.

"COMPETENCIAS DO GOBERNO"

Durante a defensa da iniciativa, a portavoz sanitaria do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou que a falta de médicos é "o principal problema" que sofre neste momento Galicia e España, e aseverou que estas "son competencias do Goberno". "A consecuencia da inacción e das medidas erróneas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez é un déficit de médicos de familia que afecta a toda España", afeou a popular. Por outra banda, sinalou que se tomaron as medidas "que se puideron dentro das competencias autonómicas", pero que estas "non chegan a solucionar a raíz do problema". Por iso, incidiu na importancia de cambiar aspectos que afectan distintas etapas dos profesionais da atención primaria, "desde a súa formación ata a idade de xubilación, pasando pola homologación de títulos e a taxa de resposición".

Con todo, a nacionalista Iria Carrera puxo o foco en que tamén "hai que ter memoria" e lembrar "o papel que tivo o PP na implantación e no mantemento" da taxa de reposición. "Os males da medicina de familia non empezaron en 2018 por culpa de Pedro Sánchez", asegurou, "o problema vén de atrás e vostedes estaban de brazos cruzados mentres vían como se proximaba o desastre", afeou aos populares. Nesta liña, a socialista Elena Espinosa esgrimiu que a falta de médicos ten "un claro responsable" que é o Partido Popular cando gobernaba en España, son "os efectos de non anticiparse a esas necesidades de médicos".

COFINANCIAMENTO DO 50 % DE DEPENDENCIA

Por outra banda, o Parlamento aprobou este xoves outra proposición non de lei do PP, co voto en contra do PSdeG, coa que esixe ao Goberno o cumprimento do cofinanciamento do 50 por cento dos servizos da lei de dependencia. Ademais, reclama facer efectiva a "débeda acumulada" a favor da comunidade galega pola prestación de dependencia e que renuncie á "imposición unilateral" de novas medidas ou regulacións que supoñen "o incremento de custos nas prestacións de servizos públicos de carácter social".

Neste sentido, a portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, lembrou que esta lei "establece claramente que no financiamento da mesma as comunidades e o Goberno deben achegar a mesma cantidade". Con todo, denunciou que isto "nunca se cumpriu". Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda (foi rexeitada) para non só reclamar responsabilidades ao Goberno central, senón tamén ao autonómico. Durante a súa intervención, a nacionalista Olalla Rodil asegurou que "se cre pouco esta defensa fervorosa das persoas dependentes" por parte do PP, xa que lembrou o "buraco" que deixou Mariano Rajoy durante o seu mandato.

Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego
Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego | Fonte: PARLAMENTO GALEGO

"Se hai unha débeda coas persoas dependentes é por obra e graza do Partido Popular", lamentou. Ademais, esgrimiu que "nin o Goberno de Mariano Rajoy nin o de hoxe, encabezado por Pedro Sánchez" cumpriron con esa obrigación de financiar o 50 por cento do servizo de atención e axuda ás persoas dependentes. Con todo, a socialista Elena Espinosa reiterou que no seu partido son "defensores" das políticas sociais, pero que a Xunta non asume o liderado das súas funcións.

Nesta liña, serviuse dun informe da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais para afirmar que Galicia é a comunidade autónoma que ten unha porcentaxe inferior á media española en canto á atención de xente potencialmente dependente, un 16 por cento fronte ao 23. Por tanto, defendeu que poñan en marcha un Plan estratéxico necesario "despois de tantos anos" para poder crer que "queren defender e pór medidas en marcha para as persoas dependentes. Con todo, Raquel Arias sinalou que a Xunta incrementa "cada ano" o orzamento destinado á dependencia, "chegando este ano aos 655 millóns de euros".

INICIATIVAS REXEITADAS

Por outra banda, na sesión deste xoves rexeitouse unha proposición non de lei defendida polo PSdeG dirixida á Xunta para que reorganizase os protocolos sanitarios para que o persoal facultativo que solicita probas radiológicas desde a atención primaria dispoña delas xa informadas e que "non se sature o seu labor asistencial". Tamén foron rexeitadas dúas proposicións non de lei defendidas polo BNG, unha delas sobre as melloras "que debe adoptar a Xunta para mellorar as condicións do servizo de transporte sanitario urxente en Galicia", e outra referente ás medidas que "debe pór en marcha o Goberno galego para afrontar as taxas de pobreza e de risco de pobreza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta