Cultura e Sanidade buscan impulsar o galego no ámbito sanitario e celebran a primeira reunión de traballo

Segundo apunta o departamento autonómico de Cultura, a reunión foi unha "primeira toma de contacto" no marco das iniciativas transversais que a Xunta propón para dinamizar a lingua a través de distintos ámbitos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2024 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia



Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuníronse este martes para abordar as medidas de impulso do galego no ámbito sanitario.

Segundo apunta o departamento autonómico de Cultura, a reunión foi unha "primeira toma de contacto" no marco das iniciativas transversais que a Xunta propón para dinamizar a lingua a través de distintos ámbitos.

Entre estas iniciativas, o propio conselleiro de Cultura citaba na súa comparecencia ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento a finais de outubro, a creación de cursos de galego dirixidos ao persoal dos centros sanitarios.

Esta medida suma ao plan do Goberno galego con 50 accións destinadas a favorecer o uso do galego e que López Campos presentou ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e aos grupos parlamentarios, durante as reunións que tivo en outubro para avanzar na consecución dun 'pacto pola lingua'.

Serán, de acordo con pistas que os dirixentes autonómicos deron nas últimas semanas, plans de acollida lingüística, cursos de lingua e cultura galegas, un impulso ao 'neofalantismo', unha estratexia para o comercio e máis vínculos coa lusofonía, entre outras.

O tres "alicerces básicos" destas medidas, segundo resumía o conselleiro, serán conseguir que os mozos socialicen en galego, impulsar o idioma entre persoas chegadas de fóra de Galicia e ampliar o uso do mesmo nas novas tecnoloxías.

Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reúnense para abordar medidas de impulso do galego. ANA VARELA
Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reúnense para abordar medidas de impulso do galego. ANA VARELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta