O PSdeG mobilizarase o 17 de novembro para reclamar "un cambio de rumbo" na política lingüística de Rueda

Besteiro asegura que "urxe articular medidas ben planificadas e ben dotadas" para reverter a perda do uso do idioma galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que, á vista dos últimos datos sobre o uso do galego, "urxe articular medidas ben planificadas e ben dotadas economicamente para reverter a perda do uso do idioma propio, especialmente entre a mocidade". Tras reunirse con representantes da plataforma Queremos Galego, Besteiro avanzou que o Partido Socialista vaise sumar á 'Declaración unitaria pola lingua' e que os socialistas galegos se mobilizarán o próximo 17 de novembro para que a manifestación en favor dun cambio de rumbo nas políticas sobre o galego "sexa un éxito".

Besteiro incidiu en que hai que traballar para "evitar que o seu uso siga caendo" e lembrou que unha das primeiras cuestións que lle trasladou a Rueda ao comezo da lexislatura foi a necesidade de alcanzar un gran pacto a favor da lingua. "Aínda que os últimos datos son terribles, xa que reflicten que o noso idioma despareceu por completo das vidas do 50 % das persoas menores de 30 anos, non deixan de ser a continuación dunha tendencia que comezou tras romper todos os consensos ao chegar o PP ao poder", lamentou.

O secretario xeral considera que a Xunta, "para ser crible" cando tende a man neste asunto, "debe pór sobre a mesa medidas urxentes" articuladas ao redor dun programa de traballo e de fondos suficientes, algo que os socialistas pedirán "que se reflicta nos orzamentos de 2025". "Non esquecemos que, a día de hoxe, o galego xa é unha lingua minoritaria en Galicia fronte ao castelán", remarcou o dirixente socialista, que convidou a Rueda a propor un acordo baseado nun prognóstico acorde coa realidade e censurou que, "con datos alarmantes", culpe ás familias e agora aos inmigrantes. "Debe asumir responsabilidades propias para poder avanzar e non xogar ao escapismo", sinalou.

Para os socialistas, as medidas que se leven a cabo para o fomento do galego deben incluír cambios lexislativos e iniciativas para prestigiar o idioma, "porque o galego non só se debe impulsar na educación como unha competencia, senón fomentar que as nenas e os nenos queiran empregalo na súa contorna, no seu proceso de socialización, entretemento e lecer". "Para iso fan falta ofertas atractivas", apuntou Besteiro, que sostivo que o futuro do galego depende do que se faga agora para potenciar o seu uso na infancia e na mocidade.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese coa plataforma Queremos Galego
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese coa plataforma Queremos Galego | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta