Alerta científica: as secas polo cambio climático están afectando a mortalidade diaria dos galegos

Investigadores presentan os resultados do primeiro estudo sobre a relación entre as secas e o risco de mortalidade en Galicia por causas naturais, circulatorias e respiratorias. É maior nas provincias interiores, sendo Lugo a máis afectada. Pontevedra, única provincia na que non se atoparon asociacións significativas.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os escenarios de cambio climático analizados pola comunidade científica indican un aumento na intensidade e frecuencia das secas en varias rexións do mundo no século XXI, sendo unha das máis afectadas o sur de Europa, supoñendo unha ameaza para a saúde da poboación. Agora sábese que as secas, cada vez máis frecuentes e intensas, afectan a mortalidade diaria dos galegos, especialmente aos do interior.

Encoro de Portomarín afectado pola seca
Encoro de Portomarín afectado pola seca

Científicos da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo e do Departamento de Epidemioloxía e Bioestatística do Instituto de Salud Carlos III (Madrid) presentan os resultados do primeiro estudo diagnóstico de series temporais sobre o impacto das secas na mortalidade diaria en Galicia por causas naturais, circulatorias e respiratorias.

Os investigadores analizaron datos de tres décadas, de 1983 a 2013, en diferentes escalas de tempo (1, 3, 6, 9 meses), para identificar e clasificar a intensidade dos períodos de seca e non seca, calcular os riscos relativos de diferentes causas de mortalidade e a porcentaxe de risco de mortalidade atribuíble. Segundo os achados, "hai asociacións estatisticamente significativas entre os períodos de seca e a mortalidade diaria en todas as provincias de Galicia (agás Pontevedra) para diferentes escalas de tempo".

Ademais, os períodos de seca tiveron maior influencia na mortalidade diaria nas provincias do interior de Galicia que nas rexións da fachada atlántica, sendo Lugo a máis afectada.

A provincia luguesa lidera as porcentaxes de risco de mortalidade por causas naturais e circulatorias atribuíbles ás secas, mentres que Ourense se sitúa á cabeza nas respiratorias. Pontevedra é a única provincia na que non se atoparon asociación significativas entre os períodos de seca e a mortalidade diaria. Na Coruña atopáronse asociacións significativas entre as secas e a mortalidade diaria por causa circulatoria.

A curto prazo, o efecto das secas e das ondas de calor na mortalidade diaria observouse nas zonas do interior e expícase principalmente polo efecto da contaminación atmosférica, sendo as causas respiratorias de mortalidade o grupo máis fortemente asociado. Os científicos destacan o efecto da contaminación atmosférica no caso de Ourense, durante o período 2000-2009.

"O feito de que é probable que as secas sexan cada vez máis frecuentes e intensas no contexto do cambio climático e a falta de estudos que consideren o impacto das secas en causas específicas de mortalidade fai necesario este tipo de análises", argúen os autores do traballo.

Os resultados do estudo, titulado 'Effects on daily mortality of droughts in Galicia (NW Spain) from 1983 to 2013', publícanse na revista científica Science of The Total Environment.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta