Científicos galegos crean un modelo matemático para a Covid-19 baseado nas persoas superpropagadoras do virus

Creado por investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Aveiro (Portugal), permitirá, entre outras cousas, calcular o número de Unidades de Coidados Intensivos (UCI) necesarias para loitar contra a pandemia.

Por Alberto Quian | Madrid | 30/04/2020 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Un grupo de científicos galegos e portugueses vén de presentar un modelo matemático compartimental para a propagación da enfermidade COVID-19, cun enfoque especial na transmisibilidade de individuos superpropagadores do virus, é dicir, aqueles infectados con SARS-CoV-2 que contaxian a un gran número de persoas.

Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro
Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro | Fonte: © Miguel Núñez.

Segundo os seus autores, “as simulacións numéricas mostran a idoneidade do modelo COVID-19 proposto para o brote que ocorreu en Wuhan, China”, onde se orixinou a pandemia mundial.

“A nosa principal contribución está relacionada coa consideración da clase de superpropagadores, que agora aparece en revistas médicas”, explican os científicos, pertencentes ás universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Aveiro (Portugal).

A novidade deste modelo é precisamente a consideración dos superpropagadores. Tradicionalmente, o modelo usado é o SIR, un dos modelos epidemiolóxicos máis simples capaces de capturar moitas das características típicas dos brotes epidémicos. O nome do modelo provén das iniciais  S (poboación susceptible), I (poboación infectada) e R (poboación recuperada). O modelo relaciona as variacións das tres poboacións (Susceptible, Infectada e Recuperada) a través da taxa de infección e o período infeccioso media.

O que fixeron os científicos galegos e portugueses foi introducir até oito variables: poboación susceptible (S), exposta (E), sintomática e infecciosa (I), superpropagadores (P), infecciosa pero asintomática (A), hospitalizados (H), recuperados recuperación (R) e fatalidade (F).

“O noso é un modelo compartimental ad hoc da COVID-19, tendo en conta as súas particularidades, algunhas delas aínda non coñecidas, que ofrecen unha boa aproximación da realidade do brote de Wuhan, e predicindo unha diminución no número diario de casos confirmados da enfermidade. Isto está de acordo cos nosos cálculos do número de reprodución básico que, sorprendentemente, se sitúa en menos de 1 [limiar baixo o cal se considera controlada unha epidemia]. Ademais, paga a pena mencionar que o noso modelo tamén se axusta suficientemente ben aos datos reais de mortes diarias confirmadas”, detallan os autores deste modelo.

Os investigadores insisten en que os seus “achados teóricos e resultados numéricos se adaptan ben aos datos reais e reflicten a realidade en Wuhan”.

UCI

Unha das contribucións máis substanciais deste modelo é que pode axudar a calcular o número de Unidades de Coidados Intensivos (UCI) necesarias para loitar contra a pandemia.

O número de persoas hospitalizadas é relevante para dar unha estimación das UCI necesarias. Algunhas simulacións preliminares indican que isto sería útil para as autoridades sanitarias. O noso modelo tamén se pode utilizar para estudar a realidade doutros países, cuxos brotes están en aumento. Afirmamos que algúns modelos matemáticos como o que propoñemos contribuirán a revelar algúns aspectos importantes desta pandemia”, conclúen.

O modelo vén de ser presentado nun artigo científico titulado ‘Mathematical Modeling of COVID-19 Transmission Dynamics with a Case Study of Wuhan’, publicado na revista Chaos, Solitons & Fractals. Está asinado por Faïçal Ndaïrou, Iván Area, Juan J.Nieto e Delfim F.M.Torres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cecilia

Hai un modelo de seo galego que están implementando en EEUU. O lugar onde está recollido o estudo é covidist.com