Matemáticos galegos lanzan unha web sobre a Covid-19: a poboación infectada en Galicia achegaríase ao 2%

Os seus autores adiantaran o funcionamento do seu modelo nun traballo científico no que xa avisaran de que os casos en Galicia e España eran moitos máis dos informados oficialmente, como así determinaron logo os estudos de seroprevalencia impulsados polo Goberno central e Xunta.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un equipo de matemáticos galegos lanzou un sitio web cun novo modelo probabilístico para estimar a propagación real da Covid-19 en España e en cada unha das súas autonomías, ademais de noutros 12 países e a cidade de Nova York (a máis golpeada polo coronavirus en Estados Unidos, o país máis afectado pola pandemia). Mediante gráficos interactivos, mostran a evolución da epidemia e as predicións futuras por porcentaxe de poboación infectada, número de falecidos e número de mortes totais.

Sito web no que os matemáticos presetan gráficas interactivas coas predicións sobre a Covid-19
Sito web no que os matemáticos presetan gráficas interactivas coas predicións sobre a Covid-19 | Fonte: covid19-modeling.github.io.

Segundo o modelo matemático aplicado por estes investigadores, a día 22 de maio o 1,98% da poboación en Galicia estaría contaxiada; traducido en cifras totais, algo máis de 53.000 persoas, case seis veces máis que as 9.077 infectadas informadas oficialmente até esta data.

O modelo predí que o 1 de xuño os contaxiados serían o 1,995%, preto de 54.000 infectados.

En canto aos mortos, calculan que cara ao 1 de xuño poderían ser 633, 25 máis que os oficialmente informados o 21 de maio, xoves.

Non conxunto de España, calculan que os mortos poderían superar os 28.500 a finais de maio e que a poboación total contaxiada sería agora arredor do 5,1%, é dicir, preto de 2,4 millóns de persoas infectadas, o que multiplica por dez os casos informados polas autoridades sanitarias e gobernamentais (233.037, o 21 de marzo), e aseméllase aos resultados do estudo de seroprevalencia que está realizando o Ministerio de Sanidade, cuxos primeros datos revelan que apenas o 5% da población española pasou a Covid-19.

"O noso sistema preditivo foi deseñado utilizando as publicacións máis recentes que describen a dinámica do SARS- CoV-2. En base a estes datos, creamos un simulador que xera millóns de traxectorias de posibles eventos desde o inicio da pandemia, baseándose nos supostos de como se propaga o virus. Utilizando os datos dos falecementos reportados por COVID-19, adestramos o noso modelo para atopar a configuración máis probable que explica, en media, os falecementos observados en distintas rexións e comunidades", explican os autores do modelo e do sitio web.

ESTUDO PREVIO

Os resultados da análise preliminar levadas a cabo no seu estudo están aínda en revisión pola comunidade científica e foron adiantados por GC. Nesa primeira achega, o equipo de investigadores presentou un novo modelo probabilístico para estimar a propagación real deste virus en Galicia, País Vasco, Castela e León, Madrid e Cataluña.

Os seus autores son Marcos Matabuena Rodríguez, Carlos Meijide García e Víctor Leborán pola Universidade de Santiago de Compostela, e Pablo Rodríguez Mier pola de Toulouse. A súa proposta baséase na estimación do número real de persoas recuperadas e infectadas utilizando rexistros de mortalidade. Ademais, trátase dun “modelo dinámico no sentido de que ten en conta as medidas políticas introducidas cando se resolve o problema inverso”, apuntaban a este xornal.

E clarificaban: “O modelo está deseñado de tal maneira que non necesita usar estatísticas sobre o número de infeccións, que teñen un erro de medición significativo; no seu lugar úsanse rexistros de mortalidade”.

Para Galicia, o escenario 1 —o máis optimista— calculaba nun 1,2% a poboación contaxiada e o escenario 2 —o máis pesimista— elevaba a porcentaxe até o 2,5. Traducido en cifras totais, isto supón que entre unhas 32.000 e 67.000 persoas poderían terse contaxiado até o 26 de abril, data ata onde chegaban aqueles primeiros cálculos do seu estudo, cando en Galicia había confirmados oficialmente 9.176 casos, o 0,33 por cento da poboación.

Agora, coa actualización do modelo e dos datos, calculan no mellor dos escenarios un 1,7% da poboación de Galicia contaxiada cara a finais de mes, e no peor, preto dun 2,36%, cunha alta probabilidade de que a porcentaxe real se achege ao 2%.

O estudo de seroprevalencia frente á Covid-19 desenvolvido pola Xunta estimou que no país estaría inmunizada o 1,15% da poboación tras pasar a enfermidade, arredor de 30.000 persoas.

En opinión de Matabuena, en conversa sobre os datos, eses resultados "poderían estar un pouco por baixo do real, debido á baixa sensibilidade dos tests rápidos".

"Non se sabe se aplicaron un modelo de estimación por áreas que teña en conta esta incerteza. O mesmo problema ocorre nos datos estatais, aínda que en teoría a sensibilidade é máis alta. De todos os xeitos, se sae entre un 1 e 2,5% con fins prácticos non é preocupante. A min o que me preocupa é certas cousas do estudo do Instituto Carlos III, ademais como é de esperar hai certas  inconsistencias metodolóxicas. Por exemplo o alto número de infectados en Soria explícase pola forma de reponderar os datos que usan. Madrid preocúpame moito, xa que se os resultados son correctos, se hai un colapso do sistema de saúde a taxa de mortalidade pode ser moi elevada", resume Matabuena —investigador no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago de Compostela—, sobre os dous estudos epidemiolóxicos impulsados polos gobernos central e galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta