Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 17:26
A Xunta finalizou con éxito este martes a proba de 32 sirenas de aviso á poboación adscritas ás presas do Plan de Emerxencia para garantir a súa operatividade e tamén para que a veciñanza recoñeza o son.
Ademais, este martes tamén se activaron as sirenas de aviso adscritas ao Plan de Emerxencia Exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa no concello lucense de Xove. Para as probas contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa), así como membros de Protección Civil dos municipios afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.
Con esta revisión, a administración autonómica pretende garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñezan o son da sirena de aviso de evacuación. A Xunta destacou a importancia que teñen este tipo de exercicios na mellora da coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, así como para garantir a seguridade na zona e manter á poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.
Nun comunicado, o goberno galego explicou que en Galicia hai actualmente 45 plans de emerxencia de presas aprobados que teñen como obxectivo ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían alagadas en caso de rotura e ter previstos os sistemas de aviso, tanto á poboación como aos organismos xestores de emerxencias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.