Tráfico prevé 1,5 millóns de desprazamentos nas estradas lucenses este verán

Ata o 29 de xuño, rexistráronse nas vías interurbanas luguesas nove vítimas mortais.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 03/07/2022 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Tráfico prevé 1,5 millóns de desprazamentos nas estradas da provincia de Lugo este verán, segundo trasladou a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez. A próxima semana, do 4 ao 10 de xullo, a DXT porá en marcha unha campaña especial que centrará a atención na vixilancia da velocidade excesiva e inadecuada, xa que "segue sendo un factor clave na seguridade viaria e, por desgraza, na sinistralidade con vítimas, sobre todo nos accidentes mortais e con feridos graves".

Control da Garda Civil en Ribadeo
Control da Garda Civil en Ribadeo | Fonte: Garda Civil.

Ata o 29 de xuño, rexistráronse nas vías interurbanas da provincia un total de nove vítimas mortais, cifra superior ás seis contabilizadas o ano pasado na mesma data. Ademais, no que vai de ano tamén resultaron hospitalizadas 19 persoas e 138 feridas de menor gravidade en Lugo, por enriba dos 11 feridos hospitalizados e 118 menos graves do ano pasado a estas alturas.

EXCESO DE VELOCIDADE

Así mesmo, a Subdelegación destacou que o exceso de velocidade estivo presente no 45% dos accidentes mortais rexistrados no ano 2021, unha cifra superior aos anos anteriores e tamén ao conxunto de Galicia (18%) e de España (25%).

No que vai de 2022, o exceso de velocidade detectouse no 22% dos nove accidentes mortais. É o segundo factor en importancia por detrás das distraccións, responsables do 33%.

Por iso, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlará especialmente aqueles tramos de risco asociado á velocidade, así como aqueles puntos onde existe un elevado índice de sinistralidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta