Detido dúas veces por roubar e circular 150km cun microbús en Ferrol

Trátase dun veciño de Neda (A Coruña), de 19 anos, que mesmo levou a "pasaxeiros" tras saír dunha discoteca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2022 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

Un mozo de 19 anos, veciño de Neda foi detido este xoves, 8 de decembro, sobre as 19,00 horas, despois de roubar por terceira vez nunha semana un microbús na estación de autobuses de Ferrol.

O mozo foi localizado ao volante doutro destes vehículos na zona da Gándara, na avenida Castelao, no municipio coruñés de Narón. Foi unha axente da Policía Local de Narón, que estaba fóra de servizo, a que se decatou do que sucedía. Así, parou o vehículo e obrigou ao condutor a permanecer no lugar, mentres que se puxo en contacto cos axentes da Policía Local de Ferrol, que mandaron de inmediato a unha patrulla.

Deste xeito, tras realizar as oportunas xestións, detiveron de novo a este mozo e trasladárono á comisaría da Policía Nacional.

DETIDO HORAS ANTES

Este mesmo mozo fora detido o mércores pola mañá tras roubar outro microbús e chocar cun vehículo que estaba estacionado. Nesa ocasión, escapou do lugar e, posteriormente, foi detido por axentes da Policía Local de Ferrol.

Así mesmo, despois de comprobar o GPS do vehículo, constatouse que chegou a circular por diversas estradas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e que chegara mesmo ata As Pontes e Ortigueira tras percorrer máis de 150 quilómetros.

Ademais, este mesmo mozo tamén roubou outro microbús, da mesma empresa e do mesmo lugar, ao parecer valéndose de que as chaves estaban no seu interior, na madrugada do martes. Neste caso, dedicouse, presuntamente, a levar ao seu domicilio a clientes dunha discoteca.

Así o asegurou a Europa Press uno dos "viaxeiros", que detallou que o agora detido aparcou o vehículo de transporte na chaira dunha coñecida discoteca situada na estación de ferrocarril da cidade departamental. Alí, varios mozos, uns sete aproximadamente, que se dispuñan a tomar un taxi para acudir aos seus domicilios subiron ao microbús ao asegurar que os levaría a todos ás súas casas.

Segundo as mesmas fontes, así o fixo e foi levando aos seus "clientes" por diferentes lugares ata deixalos nas proximidades dos seus domicilios, manifestando a algúns deles que tiña o microbús porque o seu pai traballa na empresa propietaria do mesmo.

Autobús transporte Ferrol-Coruña
Autobús transporte Ferrol-Coruña | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta