Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 14:52
O Concello da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno local, o anteproxecto necesario para proceder á licitación de obras na planta de tratamento de residuos de Nostián --creada en 2002-- para "concretar a remodelación e modernización" co obxectivo de conseguir "o máximo rendemento". Con estas actuacións pasará a adaptarse á nova normativa europea de cinco colectores.
Así o anunciou a alcaldesa, Inés Rey, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que destacou que as obras contarán cun investimento de 52 millóns de euros e incluirán a renovación da planta de clasificación para facela "máis eficiente".
Neste sentido, indicou que Nostián pasará a adaptarse á nova normativa europea de cinco colectores --tratamento de residuos orgánicos, envases, outros restos, papel e vidro-- e sumará a xestión dun novo punto móbil para a cidade.
A rexedora sinalou que as actuacións previstas implican "melloras directas para o persoal" coa creación dunha nova zona de estacionamento exclusiva para os traballadores e a construción dun edificio de vestiarios. "A principal novidade e máis importante radica en que se acometerá a remodelación dos circuítos interiores para reforzar a seguridade e a prevención dos empregados", puntualizou.
Tras a tramitación do informe de viabilidade da explotación de Nostián aprobado a pasada semana, Rey lembrou que "este é o segundo paso administrativo relevante para a licitación do contrato". "Contrato e licitación que tal e como comprometemos estará preparado neste mandato", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.