Así se escoita o mar para evitar desastres como inundacións ou deslizamentos de terra mariños

Matemáticos galegos do CITMAga traballan na caracterización do fondo mariño do litoral galego co fin de coñecer o seu estado e poder predicir a súa evolución.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/10/2024 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

O CITMAga -Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia- traballa na caracterización numérica do fondo mariño usando datos hidroacústicos. Trátase dunha acción integrada no “Decenio 2021-2030 das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible da ONU” e enfocada nas zonas costeiras, que son rexións especialmente afectadas polas actividades humanas e os fenómenos extremos.

Imaxe sonora do fondo mariño
Imaxe sonora do fondo mariño | Fonte: Citmaga

Andrés Prieto, investigador e docente do departamento de Matemáticas da facultade de Informática da Universidade da Coruña e vencellado ao CITMAga explica que o obxectivo desta iniciativa é fomentar o deseño, a implementación e o uso de ferramentas baseadas en xemelgos dixitais para monitorizar a natureza física do fondo mariño, empregando para iso datos hidroacústicos. “A finalidade é poder analizar e predicir os fenómenos complexos que actúan sobre os ecosistemas mariños” -sinala-.

Céntranse nos ambientes submarinos costeiros, “que son particularmente complexos á hora de deseñar e implementar metodoloxías técnicas efectivas que permitan avaliar a saúde dos seus ecosistemas e a súa evolución estacional”. Nesta liña, Prieto pon de relevo que ”as medicións hidroacústicas son a clave para monitorear a natureza do fondo mariño nas zonas costeiras, rexións especialmente afectadas polas actividades humanas e os fenómenos extremos”.

"ESCOITAR O OCÉANO"

O investigador sinala que “a contorna submarina é heteroxénea e complexa pola súa propia natureza, pero os seus elementos xeofísicos e biolóxicos poden modelarse matematicamente. Para iso empréganse métodos numéricos que permiten calcular a resposta acústica dunha configuración específica do fondo mariño”.

O proceso para levar a cabo a caracterización numérica do fondo mariño é o seguinte. Primeiro realízanse medidas experimentais en diferentes localizacións mediante unha ecosonda situada sobre a superficie do mar, coa finalidade de “escoitar o océano”. Os sinais acústicos viaxan ata o fondo, eses sinais rebotan e rexístranse nuns ecogramas, de xeito que os sons se converten en imaxes. E, finalmente, co modelo dixital desenvolto polo equipo, calcúlanse numericamente as características do fondo mariño. “Isto permite realizar unha clasificación e unha cuantificación das propiedades dos fondos mariños, posto que cada tipo de fondo ten unha firma acústica diferente” -apunta o investigador do CITMAga-.

Andrés Prieto explica que existen batimetrías, que se poden ler como mapas de relevo do fondo do mar e indican a profundidade á que se atopa, pero non o seu estado nin os elementos que hai no mesmo. Así, os investigadores están a desenvolver diferentes ferramentas dixitais de cálculo, que, a partir dos datos hidroacústicos, posibilitan extraer moita información e levar a cabo unha caracterización numérica do fondo mariño, co fin de poder coñecer o seu estado e mesmo poder predicir a súa evolución no tempo.

COÑECER A EVOLUCIÓN DA PAISAXE MARIÑA

“Trátase de ir máis alá, de ter ferramentas numéricas capaces de clasificar e analizar o estado dos fondos mariños na costa galega e poder afinar máis determinados aspectos de interese como o espesor da area, a presenza de lodos ou de algas…, é dicir, coñecer a evolución da súa paisaxe baixo diferentes eventos estacionais e extremos como poden ser inundacións ou deslizamentos de terra mariños. E, por outro lado, ter a capacidade de cuantificar a presenza e a concentración de bivalvos e outros recursos en determinadas áreas do litoral, de cara a contribuír á toma de decisións relativas á xestión dos recursos e das actividades que se realizan na costa, entre outras moitas posibilidades e aplicacións                     -salienta o investigador-. 

Esta é unha iniciativa de traballo conxunto dun equipo multidisciplinar formado por persoal investigador das áreas de Matemática Aplicada das universidades da Coruña e Trento (Italia), Estatística da Universidade de Santiago, Física Matemática da UNED e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta