Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 17:45
A xeración eléctrica en Galicia emitiu 1,4 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), gases causantes do cambio climático en 2024, o que supón un 50 % menos que o ano anterior e baixar a mínimos históricos. Con base en datos de Rede Eléctrica, o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) explica que, "a pesar de que o alarmante estancamento da potencia eléctrica renovable continuou en 2024", rexístranse as emisións máis baixas en polo menos 50 anos debido ao peche da térmica das Pontes en 2023, polo que tivo lugar o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón.
"O abandono total do carbón e a elevada produción hidroeléctrica son as razóns principais da forte diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro da produción eléctrica. Esta supón un 15-20 % das emisións totais de Galicia, lideradas na actualidade polo transporte e o sector agrario", indica. Doutra banda, a electricidade obtida a partir da auga aumentou o 20 %, co que supera os 10.000 GWh, o que non acontecía desde 2010, de forma que se compensa así "con folgura a redución da achega das demais renovables". Ambos os feitos foron decisivos para que o peso das renovables (sen residuos orgánicos) na produción eléctrica escalase ata o 83,2 %.
E é que a desfosilización da produción eléctrica galega experimentou "un enorme salto" desde 2018 polo declive final do carbón inducido pola subida do prezo do CO2, a pesar do pequeno crecemento da potencia eléctrica renovable. Todo iso tradúcese en que as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018. Non entanto, considera "preocupante" o escaso crecemento da potencia eléctrica renovable, que tan só aumentou en 578 megawatts desde 2018 (+8,1 %), segundo Rede Eléctrica (non inclúe autoconsumo solar).
"O bo dato sobre as emisións do sector eléctrico en 2024 non pode ocultar o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovable", avisa o Observatorio Galego da Acción Climática. "As emisións totais brutas de gases de invernadoiro en Galicia son actualmente un 33 % inferiores ás de 1990, debido principalmente ao declive do carbón, pero en 2030 deberían ser xa un 65 % menores para estar en liña co Acordo de París", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.