Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 14:07
O Goberno galego aprobou este luns, na súa reunión semanal, o Plan director para apoiar a automoción para o período 2025-2027, que prevé un investimento de máis de 230 millóns ata 2027. Este programa, que contempla o desenvolvemento de 67 medidas nos próximos dous anos, contará cun sistema de control e análise continua no sector. Ademais, a Xunta prevé crear un rexistro galego de puntos de recarga de vehículos eléctricos e un visor que facilitará a localización destas infraestruturas na comunidade. A automoción foi declarada como un dos nove sectores estratéxicos da economía galega, tras alcanzar en 2023 unha cifra marca de facturación con 13.000 millóns e xerar case 25.000 postos de traballo, o 14,8 % do emprego industrial de Galicia.
No marco do plan que recibiu luz verde este luns, o Goberno galego prevé destinar máis de 230 millóns de euros ata 2027 ao sector da automoción e ten aberta unha liña de apoios dotada con 50 millóns de euros para cooperar coa industria no camiño cara unha mobilidade máis sustentable e á transición ao vehículo eléctrico. Os detalles do plan déronos o presidente galego, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Ambos reivindicaron o peso e a evolución do sector, así como os retos aos que se enfronta co foco na electrificación e a descabornización. Lorenzana repasou os distintos pasos dados polo Executivo autonómico e incidiu en que, tras o visto e prace do Consello Económico e Social (CES), agora este plan de apoios impulsado desde o Igape ve a luz.
EIXOS DO PLAN
Farao ao redor de tres grandes eixos, empezando pola transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada (Lorenzana incidiu nas axudas para a implantación da infraestrutura de recarga, por exemplo), co obxectivo de facilitar aos provedores locais á adaptación cara á produción de compoñentes relacionados coa nova mobilidade verde e conectada. O segundo eixo céntrase na descarbonización dos procesos produtivos e loxísticos. Neste sentido, o plan prevé investimentos destinados a transformar as operacións industriais e loxísticas, "rebaixando a súa pegada ambiental e incrementando a eficiencia dos procesos".
O terceiro gran eixo atende á adopción de modelos da 'green factory', en busca de facilitar a transformación integral das plantas industriais galegas para lograr "a neutralidade climática, apostando por tecnoloxías innovadoras e sustentables". Na súa intervención, Lorenzana remarcou a aposta da Xunta por fortalecer un sector "estratéxico" como o da automoción e incidiu en que así o demandou tanto no ámbito estatal como internacional en varias ocasións, a última, a pasada semana coincidindo coa presentación do plan de actuación que a Comisión Europea anunciou para o sector e que o Goberno galego valora.
REXISTRO E VISOR DE PUNTOS DE RECARGA
E aínda que o plan céntrase no sector, non nos consumidores directos (para os que hai outros programas de apoios), Lorenzana defendeu, a preguntas dos medios, que resulta "esencial manter as axudas non só á produción senón tamén á implantación de puntos de recarga para vehículos eléctricos. Estamos nunha boa posición, pero é necesario seguir avanzando e mellorando", proclamou. Previamente, na súa intervención anunciara que a Xunta creará o primeiro rexistro galego de puntos de recarga de acceso público para vehículos eléctricos de Galicia.
A nova ferramenta virá acompañada da entrada en funcionamento dun visor, a modo de mapa interactivo e en liña, que permitirá acceder á información en tempo real dos lugares onde se atopan estas infraestruturas no territorio galego. Ao tempo, poderase facer un seguimento do avance destes recursos. Aínda que sen cifras concretas como meta, o Goberno galego aposta por favorecer que proliferen estes puntos e tamén quere facilitar á cidadanía a súa localización e as súas características máis importantes á vez que se posibilita unha mellor planificación dos desprazamentos. O visor estará dispoñible na web da Consellería de Economía e operativo no prazo de tres meses. Na actualidade, Galicia conta cun milleiro de puntos de acceso público, que se completa con algo máis de 3.000 privados, e as provincias da Coruña e Pontevedra son as que concentran o maior número de instalacións.
TRUMP
Neste plan non están previstas as disintonías que poden causar no sector as propostas cambiantes do presidente dos EE.UU., Donald Trump, que anunciou aranceis do 25% ao sector do automóbil de Europa. A este respecto, a conselleira suliñou que o mercado de exportacións de Galicia está dentro da UE e é residual aos EEUU.
Con todo, a maior compañía automobilística que está no noso país, Stellantis, ten capital norteamericano e a súa situación económica depende, en parte, das decisións que se tomen nese país."Este plan terá que adoptar unha medida concreta cando vexamos como ese escenario afecta a Galicia", dixo Lorenzana. "Teremos que ver que decisións toma a UE a este respecto e o impacto indirecto que hai en Francia, Italia, Alemania, máis influídos pola relación con EE.UU.", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.