Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/05/2017 | Actualizada ás 14:02
O Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela arquivou a causa contra o concelleiro compostelán Jorge Duarte sobre os expedientes de locais de lecer nocturno ao non apreciar trato de favor e considerar que non houbo "un delito de prevaricación" na súa actuación.
Así o sinala o auto, no que a maxistrada conclúe que "debe recoñecerse que a paralización dos expedientes por falta de firma do señor Duarte xerou unha situación administrativa difícil para o persoal funcionario implicado, que puido superarse con axilidade se o concelleiro optase por dar instrucións claras e vinculantes sobre as cuestións técnicas coas que discrepaba con aqueles, harmonizando a tramitación dos expedientes".
Pero tamén considera a maxistrada Ana López-Suevos que "é certo que a súa negativa a asinar as propostas de resolución non foi froito da arbitrariedade do desentendemento da problemática existente, dunha actuación de desviación de poder ou dun afán de outorgar mellor trato a uns locais fronte a outros".
Así, "se a decisión de encargar a realización dunhas instrucións escritas fose anterior no tempo", evitaríase "a demora e a caducidade de expedientes", afirma a maxistrada.
Neste sentido, alega que "o certo é que esas instrucións foron finalmente redactadas e aprobadas e evidencian que o denunciado si procuraba uniformizar e axuntar criterios e acabar coa inseguridade xurídica que, ao seu xuízo, apreciaba na tramitación dos expedientes sancionadores".
ACERTO OU DESACERTO
Por iso, a xuíza conclúe, así mesmo, que non lle corresponde "valorar o acerto ou desacerto político da actuación do señor Duarte". "Pero si nos compete concluír que o conxunto de todas as dilixencias analizadas lévanos a descartar que cometese un delito de prevaricación", engade.
Deste xeito, a maxistrada sentencia que "non concorreu na súa actuación o dolo directo propio de tal infracción penal" por prevaricación, polo que acorda o sobresemento provisional das actuacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.