Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2017 | Actualizada ás 14:30
Centos de veciños, uns 3.000 segundo o Concello, manifestáronse este domingo en Ponte Caldelas (Pontevedra) en rexeitamento á obra hidráulica prevista para bombear auga desde ese río até o encoro de Eiras, que abastece a Vigo e a súa comarca.
A mobilización, que rexeita o transvasamento que planea Augas de Galicia, a petición do Concello de Vigo, para reforzar o subministro do sistema Eiras-Oitavés, partiu da Alameda encabezada polo Goberno local, formado polo PSdeG, AVP e BNG.
Precisamente, o alcalde, Andrés Díaz, denunciou o impacto ecolóxico que esta obra terá no río Verdugo e na súa contorna e criticou que a Xunta non consultase nin informase o Consistorio de Ponte Caldelas sobre esta actuación.
"A día de hoxe non sabemos nada, non coñecemos os detalles, só o que sae nos medios", manifestou o rexedor, que considera a actitude da Xunta como unha "falta de respecto institucional". "Facer unha obra nun río sen falar co Concello é gravísimo e propio doutras épocas, queren pasar por enriba de nós", censurou.
Andrés Díaz foi o encargado de ler o manifesto final da marcha na praia fluvial do río Verdugo, onde advertiu, ademais, do impacto paisaxístico e turístico que poderá ter esta actuación en Ponte Caldelas.
"BARBARIDADE"
E é que, segundo indicou, o Vergudo conta na actualidade cun caudal duns "800 litros por segundo" e a Xunta pretende "transvasar 350 litros". "Isto é unha barbaridade, suporía un impacto tremendo e quéreno facer polas bravas, sen estudos de impacto ambiental antes e sen falar co Concello", denunciou.
O Concello de Ponte Caldelas é partidario da realización dunha obra provisional, non permanente, no río, aínda que noutro punto da canle (salto do Inferno) para colaborar cos municipios que padecen unha difícil situación pola seca.
"A seca é para todos", lamentou o alcalde, que lembrou que na recta final do franquismo, en 1977, se inaugurou o encoro de Eiras, que xa secou outra arteria fluvial de Ponte Caldelas, o río Oitavén. "En Ponte Caldelas somo solidarios, levamos moito tempo sendo solidarios, xa nos deixaron sen un río e agora non imos quedar sen outro", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.