Así evolucionaron os terremotos no noroeste peninsular nos últimos anos: maior magnitude e profundidade

Un estudo mostra que a sismicidade se mantivo principalmente localizada nas mesmas zonas e que é menor, aínda que aumentou o número de eventos de maiores magnitudes e de maior profundidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/10/2018 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O noroeste da Península Ibérica é unha rexión intraplaca de sismicidade moderada e anormalmente alta para esta rexión do Macizo Ibérico. Nos últimos meses, Galicia viviu varios episodios de pequenos sismos que, sen chegar a ser alarmantes, si espertaron inquietude. Un recente estudo científico constata que a magnitude e profundidade dos terremotos rexistrados no noroeste peninsular aumentou levemente nos últimos anos.

Sismicidade no noroeste peninsular. Os puntos en gris mostran os terremotos anteriores ao 28 de agosto de 2011 e en cor vermella, os posteriores. Datum  ETRS-89
Sismicidade no noroeste peninsular. Os puntos en gris mostran os terremotos anteriores ao 28 de agosto de 2011 e en cor vermella, os posteriores. Datum ETRS-89 | Fonte:

Para estudar a evolución desta sismicidade, os científicos analizaron o período desde o 27 de agosto de 2011 ata o 22 de novembro de 2016, comparándoa cos datos rexistrados desde o ano 1347 ate 2011. Os resultados mostran que a sismicidade se mantivo principalmente localizada nas mesmas zonas e que a distribución de magnitude e profundidade é moi similar entre ambos os períodos, aumentando no número de eventos de maiores magnitudes, entre 2-3 Mw (escala sismolóxica de magnitude de momento que calcula a magnitude baseándose na enerxía total que se libera nunha falla) e de maior profundidade (20-25 km).

Os datos analizados sinalan que a moderada sismicidade do noroeste peninsular parece manterse.

"Estes terremotos de intensidade moderada teñen unha importante implicación no perigo e risco sísmico rexional", apuntan os autores do estudo, que usaron os datos do Catálogo  Sísmico Nacional realizado polo Instituto Geográfico Nacional (IGN). Espacialmente, os datos cobren Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León e norte de Portugal, isto é, o noroeste peninsular.

Os datos analizados sinalan que a moderada sismicidade do noroeste peninsular parece manterse ata os nosos días, localizada nas mesmas áreas, cunha diminución da sismicidade en Zamora e Chaves (Portugal), un aumento en Vinhais (Portugal) e migrando en Porto do Son (A Coruña) e Vila Verde (Portugal).

Comparándoa coa sismicidade do período anterior a 2011, onde máis do 90% dos eventos presentaban magnitudes inferiores a 3.5 mb (magnitude de ondas de volumen), o período 2011-2016 foi moi similar, cun 99% de eventos neste rango.

En canto á profundidade, continúan sendo na súa maioría eventos de entre 0 e 15 km: 81% anteriores a 2011, fronte ao 97% en 2011-2016.

Os científicos observaron un aumento de eventos sísmicos a profundidades de 20-25 quilómetros.

A comparativa dos histogramas de magnitude e profundidade leva a algunhas diferenzas nas tendencias xerais debido á diferente marxe temporal considerada. Por iso, considerando unha marxe temporal similar, no que engloba de 2006-2011 aumentaría lixeiramente o número de eventos de magnitudes maiores (entre 2-3 Mw), diminuíndo a frecuencia de eventos de menor magnitude (1.5-2  Mw).

En canto á frecuencia do número de eventos é bastante similar, de 10 a 44 eventos de 2006-2011 fronte a 3 a 52 de 2011 a 2016. Ademais, a media mensual do número de eventos diminúe de 22,05 a 17,3.

Os científicos conclúen, en base aos datos analizados, que se está dando unha tendencia similar pero cunha lixeira diminución no número de eventos mensual.

A pesar das similitudes entre as tendencias relativas á profundidade, obsérvase un aumento de eventos a profundidades de 20-25 km. Desde o punto de vista da frecuencia mensual e da enerxía acumulada, apreciáronse varios períodos cunha sismicidade por enriba da media. En outubro de 2011, por exemplo, a sismicidade foi dispersa, mentres que en xaneiro de 2013 ocorreu a serie de Triacastela-Becerreá-Baralla, finais de 2013 coincidindo coa serie de Porto do Son, abril e maio de 2014 correspondente á serie de Vinhais e en outubro novembro de 2015 onde se produciron as segundas series de Triacastela-Becerreá-Baralla e Porto do Son.

Precisamente, no período analizado, o aumento máis importante da sismicidade, con 52 eventos, produciuse en novembro de 2015, coincidindo con dúas series. A primeira delas foi a serie de Triacastela- Becerreá-Baralla de novembro de 2015, que produciu un total de 23 eventos, o maior deles de 2.9 Mw. A segunda secuencia correspondería á localidade de Vila Verde (Portugal), moi próxima á cidade de Braga, cunha duración de 5 días e 13 eventos de magnitudes entre 1.8 e 2.7 Mw.

Entre 2011 e 2016, os expertos rexistraron menor sismicidade que a observada previamente.

En termos xerais, observouse que os eventos rexistrados se localizaron nas áreas onde os rexistros previos xa marcaban sismicidade. Exemplo diso é como a sismicidade na Falla de  Ventaniella se mantén con pequenos terremotos asociados á súa traza. Excepcionalmente identifícanse rexións onde a sismicidade diminuíu, como en Zamora e a localidade de Chaves. Obsérvase o caso contrario na localidade de Vinhais, onde non había rexistro sísmico previo pero que se produciu nos últimos anos.

Por último, obsérvanse migracións de sismicidade en Porto do Son e en Vila Verde (Portugal). Para os científicos resulta destacable como se rexistra menor sismicidade a partir de 2011 que a rexistrada previamente.

Os resultados do estudo veñen de publicarse nos 'Resúmenes de la 3ª Reunión Ibérica sobre Fallas Activas y Paleosismología' de Alicante (2018), coñecida como o IBERFAULT2018, nun artigo titulado 'E . O traballo está asinado por C. Crespo Martín e F. Martín-González, da Área de Geología da Universidad Rey Juan Carlos, e N. Heredia, do Instituto Geológico y Minero de España, Unidad de Oviedo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta