Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/08/2018 | Actualizada ás 09:00
O vindeiro agosto bretón será galego. Un agosto dedicado as músicas e bailes propios de Galicia, acollidas nun festival que continúa medrando e é referencia en canto a festivais urbáns de todo o mundo. Así o anunciou o Festival Intercéltico de Lorient, que en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) serán os encargados de promover a riqueza e diversidade da cultura galega, "dende as súas bandas de gaitas e os seus grupos de baile ata os seus artistas rock e folk" e contando tamén cunha "gran exposición de arte contemporáneo". Será do 2 ao 11 de agosto do 2019 e agardanse máis de 750.000 espectadores.
Así, a Delegación Galega, encabezada por Pablo Seoane, comeza a traballar para preparar unha edición que consolidará a cultura galega no Intercéltico. E no mes de setembro abrirá o prazo para a recepción de propostas de grupos e artistas galegos que teñan interese en participar no festival.
"O PAVILLÓN QUEDOU MOI ALTO"
Porque dende 1976 Galicia promove a súa "cultura viva" cada ano no festival, unha "cultura tradicional auténtica". E xustamente esta semana a Delegación Galega do Intercéltico de Lorient volveu á casa con moi boas críticas da súa actuación nesta edición do festival.
Na parte máis tradicional, o grupo de baile Saiñas (Xove), "enganchou" ao público bretón coa variedade do seu espectáculo, destacando os cabezudos "que sorprenderon altamente". Tamén a calidade da banda de gaitas Sons da Chaira, que "deixou a un gran nivel á formación". E foron tres concertos de artistas galegos e "o pavillón quedou moi alto para a vindeira edición". Porque Uxía, "a gran dama da música galega", encandilou no Theâtre de Lorient con versos de Novoneyra, mentres a nova proposta de Anxo Lorenzo fixo as delicias do público máis folki no Quai de la Bretagne. O arpista noiés Rodrigo Romaní encheu a master-class que impartíu, a previa a un grande concerto presentando o seu disco "Fíos de ouro no ar".
No trofeo MacCrimmon, a gaiteira teense Raquel Vilas acadou a máxima puntuación, se ben por idade quedou segunda clasificada. A exposición de fotografías de Ricardo Groba tivo multitude de visitas no Hôtel Gabriel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.