Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 22:00
“O Ministerio (para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) o que quere é pechar Ence-Pontevedra”. Así finalizaba Ignacio de Colmenares o vídeo viralizado de onde se sacaron as palabras “teremos un susto maiúsculo” se non lles deixaban “un horizonte de tempo” para realizar investimentos dentro das instalacións situadas en Lourizán. Investimentos que, supostamente, levarían á mellora tecnolóxica dunha das caldeiras da factoría. “En 2019 houbo episodios de ruídos altos e cheiros fortes” din desde a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). De Colmenares argumentaba no vídeo que a empresa tiña previsto o investimento de 250 millóns de euros na factoría pontevedresa, cincuenta millóns xa estaban investidos, mais non aclaraba en que se investiran.
ENCE NON SE QUERE IR
En xaneiro de 2016, o Goberno central asinaba un documento polo que a Ence - Enerxía e Celulosa lle concederon unha prórroga para a concesión de ocupación dos terreos nos que se sitúa o seu centro de operacións de Pontevedra. O novo período era por 60 anos, cun prazo adicional máis alá dos 50 anos. Esa acción tensou aínda máis as difíciles relacións entre a empresa e habitantes da comarca así como o “uso perverso dos traballadores coa ameaza de perda de empregos” di a concelleira de Pontevedra Carme da Silva.
Perversidade e chantaxe son dous sustantivos moi empregados cando se fala da permanencia da pasteira. “O motivo é a modificación do artigo 18.4 do proxecto de lei de Cambio Climático” din desde a APDR, que avalían isto como unha maneira de alertar sobre perda de postos de traballo. “Este artigo (18.4) será a fin de Ence” declara Colmenares no vídeo aparecido nas redes. Isto, en teoría, sería a eliminación de 270 postos de traballo.
A APDR, pola súa parte, desde a difusión do vídeo, considera que vai en paralelo ás declaracións tanto da empresa como do PP de Galicia en apoio da permanencia das instalacións en terreos de dominio público marítimo-terrestre. “O PP di que o abandono de ENCE sería a ruína da comarca de Pontevedra” din da Asociación. “Eses 270 postos poderían colocarse noutra localización para a planta e mentres se desmantela a de Lourizán eses labores poden realizalos os propios empregados da empresa”.
MODIFICACIÓNS A MEDIDA
“Se noutros lugares de Europa e do Estado se trasladaron complexos industriais fóra das cidades, por que non se pode facer en Pontevedra?” pregunta Carme da Silva, quen valora todas as accións actuais como manobras para “crear leis a medida de Ence”. A lei de Costas non permitiría a presenza da fábrica onde está actualmente. Por outra parte existe unha Autorización Ambiental Integrada (AAI) que xa en anos do bipartito causou unha polémica pola súa concesión á pasteira, mesmo con declaracións do alcalde pontevedrés Fernández Lores cualificando de traizón a Pontevedra que o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Manuel “Pachi” Vázquez anunciase a concesión desta Autorización.
A Autorización fixa unha serie de límites sobre emisións tanto na auga como no aire. “Cada proceso de control da AAI está estandarizado dentro do marco legal da UE e do Estado, no caso de Ence cremos que o proceso de control está trucado” din desde ADEGA. “As medicións que reclama a Administración por exemplo en auga son de miligramo por ligro de auga, mentres que para Ence o que se pide quilogramo por día, isto foi unha esixencia de Ence” apunta a APDR. A continuación ofrecemos os datos dun escrito que a Asociación presentou diante da Dirección Xeral de Medio Ambiente
Parámetros fixados pola normativa vixente para as augas residuais urbanas:
Parámetros Concentración
Demanda bioquímica de osíxeno (DBO) 25 mg/l O2
Demanda química de osíxeno (DQO) 125 mg/l O2
Sólidos en suspensión (SS) 35 mg/l
Fósforo total 2 mg/l P
Nitróxeno total 15 mg/l N
A continuación amósanse os valores fixados pola Xunta de Galicia como límites máximos para estes parámetros na AAI de Ence.
AAI
ENCE Directiva 91/271/ CEE
Sólidos en suspensión (kg/
día) 2.250* 1.247,12
DQO total (kg/día) 9.000* 4.454,00
DBO5 (kg/día) 2.250* 890,80
Fósforo total (kg/día) 108 71,26
Nitróxeno amoniacal (kg/ 810 534,48
día)
* Estes valores considéranse como os límites máximos permitidos en media mensual, admitíndose valores punta de ata 12.000 kg/día para a DQO total, 3.000 kg/día para a DBO5 e 2.800 kg/día para os. Sólidos en suspensión; sen que poida sobrepasarse a media mensual.
RESPOSTAS DE XUNTA, ENCE E MINISTERIO
En resposta ás preguntas que lles realizou Galicia Confidencial a Ence e á Xunta de Galicia, ambos os dous organismos coinciden, con diferentes termos, na falta de alternativa para unha nova localización da factoría. Ence manifesta que o extracto da intervención do CEO da empresa, Ignacio de Colmenares “foi gravado ilegalmente, non debe ser descontextualizado, senón que debe entenderse como parte dunhas palabras dirixidas internamente, en linguaxe coloquial” ao conxunto do equipo humano da empresa. Engaden ademais que as palabras están fóra do seu contexto e non reflicten o significado das declaracións que quedaron explicadas no conxunto dos 45 minutos que durou a conferencia.
Segundo o comunicado remitido a GC, o “susto ambiental maiúsculo” ao que se alude Colmenares “non sinala en ningún caso que a planta de Ence en Pontevedra presente actualmente ningún tipo de problema de seguridade para o medioambiente nin para as persoas”. A empresa alega que só de aquí a 2033 poderían darse problemas de non realizarse os investimentos necesarios.
Desde a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía da Xunta, a análise que fan é que o abandono de Pontevedra por parte de Ence “poría en xogo o futuro de 5000 familias vinculadas á actividade da planta”. Por tanto, a súa permanencia na cidade “depende da vontade do Goberno e de que modifique o artigo 18 da Lei de cambio climático pero semella que nin o Goberno central nin o concello de Pontevedra están polo labor”.
Enviada unha pregunta ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre se a empresa ENCE Enerxía-Celulosa, situada en Lourizán, Pontevedra, está dentro de límites de dominio público marítimo terrestre, a resposta foi: si, está integramente en DPMT, amparada por unha concesión de 1958, prorrogada en 2016. É precisamente a prórroga desta concesión para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre a que se atopa pendente do pronunciamento xudicial da Audiencia Nacional, por ser recorrida por Greenpeace, Concello de Pontevedra e Asociación pola Defensa da Ría.
Desde o Concello de Pontevedra así como organizacións políticas, veciñais e ambientalistas piden o desmantelamento de Ence polo risco que supón a súa presenza na ría, tanto para o medio como para as persoas. Ence e o goberno da Xunta non ven posible un cambio de localización de non ser que a empresa leve as instalacións fóra de Galicia, ameazando con deixar sen traballo a 270 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.