As Bandeiras Negras de Ecoloxistas en Acción apuntan á Xunta e á macroindustria pola contaminación no litoral

Xunta, Concello de Cangas, UTE Xestión Cangas, Altri, Ence, Sogarisa, Cámara Oficial Mineira de Galicia e Alcoa, entre os recoñecementos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2024 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción presentou este mércores o seu informe Bandeiras Negras 2024, onde saca á luz os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental no litoral e, como cada ano, outorgou 6 Bandeiras Negras en Galicia, dúas por cada provincia con costa. Nesta edición faise especial fincapé nos problemas provocados pola industria, como as macrocelulosas, e polo transporte de produtos plásticos, explotacións mineiras, metalurxia e tratamento de residuos, que son "os principais causantes da degración das rías galegas, polo deixamento da Xunta para facer cumprir a lei ambiental".

Así, na provincia de Pontevedra outorgouse Bandeira Negra por contaminación ao Concello de Cangas e á UTE Xestión Cangas "polas continuas verteduras á ría de Aldán e a deficiente xestión de augas pluviais e fecais. Igualmente, dáse Bandeira Negra á Xunta por mala xestión, por "promover industria contaminante, Altri e Ence, que afecta as rías de Arousa e Pontevedra.

No caso da Coruña, ten Bandeira Negra por contaminación o centro de tratamento de residuos de Sogarisa polos "continuos" episodios contaminantes "procedentes das súas instalacións"; mentres que se denuncia por mala xestión á Cámara Oficial Mineira de Galicia, pola vertedura de metais pesados procedentes de explotacións mineiras, como as minas de Touro, a de San Finx ou a de Landoi.

En Lugo, leva a Bandeira Negra por contaminación Alcoa, pola balsa de lodos vermellos en Xove, cuxa ampliación foi aprobada; e por mala xestión, prémiase á Xunta pola súa posición ante o "desastre ambiental provocado pola vertedura de pellets plásticos, xa que, "a pesar de ser coñecedora, non actuou para retirar os sacos de pélets antes de que rompesen e se esparcise o seu contido.

Vertedura de pellets de plástico nas costas de Lugo
Vertedura de pellets de plástico nas costas de Lugo | Fonte: ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta