Falan as ANPAS: "Ao pechar unha escola, o goberno demostra o seu fracaso e a súa incapacidade"

A Confederación de Anpas Galegas vén de emitir un comunicado no que denuncia o peche das escolas rurais. Apela a unha "organización territorial do País que responda ao aproveitamento da nosa realidade cultural" e critica que a eliminación de escolas se rexa por "criterios de economía miserable e pouco profesional". Entre outros moitos casos, Portocubelo e O Viso (Carnota) veñen de perder as súas dúas escolas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2019 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

107 é o número de escolas pechadas no país nos últimos dez anos. 213 nos últimos quince. "Rurais, vilegas, periurbanas, todo serve con tal de que sexan escolas pequenas, onde o gasto non compense segundo a xente que dirixe a organización educativa galega", denuncia a Confederación de Anpas Galegas, que lamenta que non se conte coa opinión da comunidade educativa - "a quen desprezan dun xeito absoluto" - nin da sociedade. Dentro da confederación está a Anpa de Cangas do Morrazo, Comarcas Condado-Paradanta e Louriña, Federación Galega de Anpas “Compostela”, Federación Provincial da Coruña - Costa da Morte, FerrolTerra, Provincial de Lugo, Val Miñor e Vigo.

A escola unitaria de Seres, pertencente ao CRA de Narón
A escola unitaria de Seres, pertencente ao CRA de Narón | Fonte: Alfonso Cebral

Xuntas todas elas, no canto de facer un "discurso afectivo", relativo a un "País disperso e que entende a propia realidade nesa dispersión", dende a Conferecación de Anpas Galegas consideran que, fronte á realidade das escolas rurais, o relato que se leva tempo espallando é outro ben diferente: "o discurso dende o poder formal fai que agora xa haxa xeracións que coidan que tanto ten vivir aquí como noutro lugar, que todo sistema é intercambiábel nas diferentes xeografías do mundo, mesmo que non ten sentido sermos galegos". Por iso, as Anpas preguntan á administración: "Que Galiza queredes impornos?, cara a que Galiza nos estades levando?, cal é a planificación que avala a perda destas escolas que nunca volverán?, onde está o Plan debullado no que poidamos confiar, ou que poidamos debater?".

Baixo estas preguntas, a Confederación reivindica que non todos os lugares son iguais, mais todos merecen idéntico respecto. "Non encetamos igual o camiño, non andamos polos mesmos rueiros, pero temos que chegar ao mesmo desenvolvemento". Para iso, dende a política deben ter en consideración o sistema de propiedade da Terra galega: "non está escrito en ningures que a modernidade haxa que pagala coa aglomeración da poboación en espazos urbanos, co baleirado das habitabilidades menores, coa desaparición sistemática de agrupamentos poboacionais non rendíbeis para a administración", aseguran. 

Na loita contra esta desaparición do rural, o mantemento das escolas é fundamental: "son o último bastión que lle queda a un lugar para continuar tendo vida, tendo futuro", proseguen. Seguros de que as escolas son "a vida renovada e o alicerce doutras vidas e outras posibilidades", as Anpas consideran que cando se forza ao peche dunha escola, o goberno demostra o seu fracaso. "É a proba da incapacidade dunha administración para traballar polo pobo ao que lle adebeda obediencia e ao que debera render contas constantemente".

A Confederación describe o círculo vicioso causante dos males das escolas rurais e do despoboamento do rural. "Pechamos escolas porque non hai crianzas, e non as hai porque as futuras nais e pais xa non están neses lugares, e non están neles porque alí non hai vida económica, non hai traballo; pero non hai traballo porque ese mesmo poder que pecha as escolas foi quen provocou que non houbera medios para non as pechar". Para saír del, apelan a unha "organización territorial deste noso País que responda ao aproveitamento da nosa realidade cultural, que é tanto como dicir a nosa realidade económica e produtiva". Rexeitan, logo, copiar modelos alleos para ser fieis á identidade propia e singular do país. "Precisamos deseñar un País".

Por iso, a administración educativa galega "ten que estar ao servizo dunha visión global de País Galego". E deste xeito, a existencia, incremento, ou diminución de escolas ou liñas escolares "non pode rexerse por criterios de economía miserable pouco profesional", critican. O trazado do País -proseguen- debe ser a consecuencia de a onde queremos chegar, da Galiza que queremos conservar e enriquecer. Botan en falta "esa directriz de País". "Mentres non a haxa, rexeitamos todos os peches, negamos totalmente a necesidade de calquera recorte, e lembramos que os que se fan son a declaración que fai a consellaría de educación da súa propia incapacidade para defender e mellorar a vida da xente nosa", sentenzan no final do comunicado. 

PECHE DE PORTOCUBELO E O VISO (CARNOTA)

A Xunta de Galicia vén de facer público o peche inmediato das escolas unitarias de Portocubelo (Lira) e O Viso (San Mamede) polo feito de non acadar un número determinado de alumnos. Son dúas das moitas que este verán botarán o ferrollo de cara ao vindeiro curso. Sen elas, Carnota perde as escolas unitarias nos dous lugares máis habitados do municipio.

Esta decisión política, coa que xa levaban tempo "ameazando" - denuncia o BNG de Carnota - supón "a consecuencia máis directa e cruda do austericidio perpetrado polo Partido Popular desde as institucións de goberno que controla e desde a Xunta". Dende o BNG consideran que a sociedade local, e a súa institución de goberno máis próxima, que é o Concello, "non poden ficar impasíbeis ante esta agresión contra os intereses da nosa veciñanza e contra o propio futuro do noso municipio".

Por isto, o BNG de Carnota presentou unha Moción no Concello instando ao goberno municipal a esixir á Xunta de Galicia que deixe sen efecto a súa decisión de pechar as Escolas Unitarias de Portocubelo e O Viso. No caso de non atenderen esta demanda, teñen en mente fixar, de man dos Consellos escolares e das Asociacións de Nais e Pais do municipio, un calendario de mobilizacións en Carnota e mesmo ante a propia Xunta de Galicia para reclamar dita medida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pasmao

Cuando se habla de "deseñar país" y otro términos ideológicos y más todavía de "Galiza" se denota que esa confederación de ANPAs no es más que otro chiringuito de la UPG. La solución es muy sencilla: hay que tener más hijos