Rosalía de Castro poderá ter unha estrela co seu nome e o Río Sar un exoplaneta asociado a ela

Desde o pasado venres e ata o 12 de novembro xa se pode votar por Internet a candidatura.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 28/10/2019 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Fundación Rosalía de Castro promoven unha campaña para porlle o nome da autora padronesa a unha estrela (HD 149143) e o do río Sar a un exoplaneta asociado (HD 149143b). Desde o pasado venres e ata o próximo 12 de novembro permanecerá aberta a votación, que será a través de Internet.

A iniciativa foi presentada este luns nunha rolda de prensa no salón de actos da Casa das Ciencias da Coruña polo membro da xunta directiva da Agrupación Ío Martín Pawley e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

A idea partiu da campaña mundial 'NameExoWorlds', coa que a Unión Astronómica Internacional quere celebrar o seu centenario. Así, esta entidade permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.

HD 149143 é a estrela asociada a España. Situada na constelación de Odiúco, o Serpentario, ten unha magnitude relativa de 7,89, o que a converte nun obxectivo visible con prismáticos en ceos escuros. Con todo, o mellor momento para ver esta estrela é "no verán", segundo comentou Pawley.

"ROSALÍA É UN EMBLEMA"

"Desde Galicia non hai outro nome que se axuste mellor a colocalo no ceo", comentou Pawley en relación á proposta do dotar á estrela co nome de Rosalía, unha escritora cuxa obra --lembrou-- "está chea de referencias ás estrelas".

Pola súa banda, Anxo Angueira trasladou o "orgullo" que supón esta iniciativa para a Fundación Rosalía de Castro. "Rosalía é un emblema que nos une; representa a Galicia no mundo, no universo", destacou o presidente da entidade.

Os votos para a candidatura da estrela Rosalía recóllense a través da web http://nombraexoplanetas.es/ ata o día 12 de novembro. Os resultados finais coñeceranse nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro.

Un exoplaneta coa súa estrela.. IAU - Arquivo
Un exoplaneta coa súa estrela.. IAU - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta