Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2019 | Actualizada ás 18:43
A coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, considera que a súa formación ten xa un acordo "estable" con Podemos para formar candidaturas para distintas citas electorais e di que, de cara ás autonómicas do 2020, a súa "intención" é sumar "aos compañeiros de Anova".
Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, recollida por Europa Press, Eva Solla lembra que a concorrencia xunto con Anova aos comicios --salvo as xerais deste 2019 por falta de acordo-- "vén sendo así desde 2012", cando se xestou Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).
Por iso, lembrou que Esquerda Unida xa solicitou formalmente unha reunión á formación nacionalista para "a primeira quincena do mes de xaneiro", coa intención de "construír ese acordo" para as eleccións autonómicas.
Preguntada sobre se haberá conversacións con En Marea despois de que este espazo --como plataforma da que formaban parte Podemos, EU e Anova, entre otrtos-- saltase polo aire o pasado xullo, Solla respondeu: "Non podemos volver cometer os erros que se fixeron".
"Creo que fixemos alguntas cousas mal e no seu momento xa dixemos que o modelo de confluencia debería respectar ás organizacións políticas para que non houbese esas tensións", explicou, para a continuación apostar por "eliminar eses elementos que causaron problemas no pasado".
Eva Solla, quen recentemente foi elixida candidata de Esquerda Unida á Presidencia da Xunta á espera de que frutifique ese diálogo con forzas de esquerda, considera que a súa formación "xa empezou" con este proceso interno hai tempo "para ter os deberes feitos" e "construír" esa candidatura unitaria para o 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.