Suspendido de novo o xuízo contra 'o rei das orquestras' á espera do resultado da avaliación da súa saúde

A Fiscalía demanda 14 anos de prisión e o abono de máis de 21 millóns de euros para 'Lito' por fraude fiscal

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 14/07/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O xuízo no que figuraba como acusado por fraude fiscal Ángel M.P. 'Lito', coñecido como 'o rei das orquestras' de Galicia, foi suspendido de novo á espera dos resultados da avaliación da súa capacidade para prestar declaración ante o seu estado de saúde. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron este martes a suspensión do xuízo, previsto para este mércores na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

O empresario de orquestras e representante legal de Representaciones Lito
O empresario de orquestras e representante legal de Representaciones Lito | Fonte: EP

En concreto, o tribunal provincial ordenou que o mércores 8 de xullo o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) examinase a capacidade 'Lito' para prestar declaración na repetición do xuízo contra el tras suspenderse por terceira vez a vista debido á súa saúde.

Con todo, o avogado do acusado, Carlos Seoane, explicou que a valoración das probas realizadas non se finalizou, o que motivou un novo adiamento da vista.

Deste xeito, o letrado precisou que a suspensión do xuízo será temporal ata que o Imelga finalice a avaliación das probas, o que previu que teña lugar proximamente. Así, Carlos Seoane apuntou que o feito de que se sinalaron outros xuízos para o mes de agosto pode influír na data fixada para a vista, aínda que apuntou que, probablemente, se celebre nun período curto de tempo.

Ademais, con anterioridade, a defensa de 'Lito' presentou informes médicos que detectaban un empeoramento do estado psiquiátrico e neurolóxico do mesmo, que ten diagnosticada unha patoloxía dexenerativa, e que tamén confirmou o seu avogado.

CONDENA RECORRIDA

O 'rei das orquestras' foi condenado por numerosos delitos fiscais a 12 anos de prisión, pero recorreu a sentenza. Así, o Tribunal Supremo (TS) ordenou a repetición do xuízo por motivos de indefensión e sinalou que non se respectaron os dereitos procesuais de Representacións Lito S.L., coacusada na causa.

A nova vista foi sinalada para maio de 2018, pero suspendeuse por motivos de saúde do acusado. Posteriormente, fixouse o xuízo para abril de 2019 e, de novo, foi aprazado polo mesmo motivo. Posteriormente, a sesión convocouse para o pasado 25 de xuño, cando foi cancelada por terceira vez. Así, este martes decretouse un novo atraso na súa celebración, prevista para este mércores no tribunal provincial.

PETICIÓN DE PENAS

Na vista, figuran como acusados Ángel M.P. e a sociedade Representacións Lito. Para este empresario, a Fiscalía pide penas que suman 14 anos de prisión por dous delitos contra a Facenda Pública relativos á tributación do imposto de sociedades, outros dous delitos relacionados coa tributación do IVE e dous delitos relativos á tributación do IRPF, todos os anteriores correspondentes aos exercicios 2011 e 2012.

Así mesmo, o Ministerio Público reclama que 'Lito' abone multas que suman máis de 21 millóns de euros e as mesmas sancións para Representacións Lito.

No seu escrito de acusación, a Fiscalía destacou que, entre 2011 e 2012, a contabilidade que presentaba Ángel M.P. non mostraba a imaxe real da sociedade. De feito, acusou a Lito de non declarar todos os ingresos que percibía porque entre eles non contabilizaban os pagos de clientes que non pedían factura polos servizos, ademais doutras irregularidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta