As hectáreas queimadas no incendio de Toén soben a 250 e no de Navia de Suarna son xa 95

Outros dous incendios que comezaron nas últimas horas, o de Lobios e o de Lousame, queimaron ata agora 10 e 45 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/08/2020 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O incendio que afecta desde a tarde do venres a Toén (Ourense) calcinou xa 250 hectáreas, mentres que o rexistrado en Navia de Suarna (Lugo) ás 22,07 de onte alcanzou xa as 95 e está estabilizado, aínda que non controlado, de acordo cos datos actualizados polo 085 a través da súa conta de Twitter.

Incendio en Toén
Incendio en Toén | Fonte: Maruxa Suárez, @maruskasuarez en Twitter.

Outros dous incendios que comezaron nas últimas horas, o de Lobios (Ourense) e o de Lousame (A Coruña), queimaron ata agora 10 e 45 hectáreas, respectivamente.

En Lobios, ademais, accidentouse un dos hidroavións que participaban nas tarefas de extinción. Nas imaxes compartidas a través das redes sociais por traballadores do dispositivo contra incendios pódese ver a aeronave estrelada nunha zona de rochas en pendente, na que a vexetación arde ao redor.

De acordo coa información da Consellería do Medio Rural, o incendio de Toén afecta á parroquia de Moreiras e mobilizáronse para a súa extinción un técnico, sete axentes, 20 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, 10 avións e nove helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Para o de Navia de Suarna, na parroquia de Son, colaboraron ata o momento un técnico, catro axentes, 16 brigadas, 10 motobombas e unha pa.

Para o de Lousame, na parroquia de Tállara, os medios son un hidroavión, un helicóptero, cinco axentes, 11 brigadas, nove motobombas e dúas pas. Este incendio rexistrouse ás 5,07 horas da madrugada con dous focos, o que, segundo fontes do departamento autonómico, apunta a "intencionalidade".

Ás 8,00 horas da mañá deste sábado foi detectado outro lume no municipio de Lobios, na parroquia de Manín, que afecta a zonas de Galicia e de Portugal, en terreos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Na zona accidentouse un hidroavión portugués que traballaba na extinción das chamas.

Outros dous incendios seguen sen estar extinguidos en zonas que forman parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Trátase dun lume en Lobeira que queimou unhas 30 hectáreas e deuse por controlado e doutro que está estabilizado no municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se produciu no mesmo lugar onde foron extinguidos outros dous incendios na madrugada anterior.

Por último, continúa controlado desde as 19,27 horas do venres o declarado na parroquia de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo (Ourense). Este lume empezou o pasado luns e, segundo as últimas estimacións, afecta a unhas 200 hectáreas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta