(Vídeo) Historias de animais rescatados: Caín, a tartaruga caimán que medrou nunha bañeira

Esther Valderrábano, conservadora en Marcelle Natureza, conta que esta tartaruga leva un ano recuperándose en Marcelle Natureza e dá conta do seu progreso ao Galicia Confidencial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/04/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Chegaron a España tras unha viaxe tan longa como impropia. Algúns pechados en xaulas minúsculas, outros agochados entre mercadorías ou criados en pisos particulares, moi lonxe do seu hábitat natural. Monos, tartarugas, tarántulas, búhos... Todos eles animais tropicais que no seu día foron sacados da súa contorna natural --ou criados en catividade-- para converterse en mercadoría ou satisfacer o gusto do seu propietario. Moitos deles remataron vivindo, ou máis ben, sobrevivindo, en condicións deplorables, vítimas do comercio ilegal de especies exóticos ou da tenencia irresponsable. Pero, afortunadamente, algúns lograron outra oportunidade: foron rescatados e hoxe atópanse en proceso de recuperación en centros especializados, como é Marcelle Natureza, en Lugo, lonxe do lugar onde os convertiron en obxectos de desexo. As súas historias son o reflexo dun negocio multimillonario que, moitas veces, pasa desapercibido a ollos da sociedade. Galicia Confidencial fala con Esther Valderrábano, conservadora en Marcelle Natureza, que nos dá conta dalgunhas das historias de superación dos animais que teñen no centro.

Caín, a tartaruga Caimán que se recupera en Marcelle Natureza tras vivir 4 anos nunha bañeira
Caín, a tartaruga Caimán que se recupera en Marcelle Natureza tras vivir 4 anos nunha bañeira | Fonte: Marcelle Natureza

Caín é unha tartaruga caimán moi fermosa que viviu auténticas penurias durante a súa estancia co seu 'propietario'. "Cando a atoparon, a pobre levaba catro anos vivindo nunha bañeira", lamenta Esther. A súa especie atópase en perigo de extinción, característica común xa a practicamente todos os animais que forman parte do comercio ilegal a nivel mundial, pois "como a especie está en perigo, non atopan outra forma de vendela a consumidores demandantes deste animal que non sexa mediante o tráfico ilegal", cando, en realidade, "ningún animal declarado en perigo de extinción pode ser reproducido nin tido como mascota por normativa internacional, independentemente da lei á que estea sometida o país". Isto significa que a coñecida como convenio CITES está por enriba de calquera lei nacional, como podería ser, no caso de España, a recentemente aprobada Lei de Benestar Animal.

Caín, a pesar de todo, estivo catro anos facendo vida, se é que se lle pode chamar vida a iso, nunha bañeira, o que impediu que se desenvolvese correctamente como calquera outra tartaruga da súa especie. "As tartarugas medran durante toda a súa vida, en función do que se poida desenvolver cada exemplar", explica Esther. Isto quere dicir que, "no seu hábitat natural, Caín tería que estar medrando de por vida, puidendo chegar a acadar os 80 quilos de peso, como xa se viu noutras tartarugas da súa especie". Sen embargo, "a pesar de contar xa con 6 aniños, o que lle debería levar a ter un peso darredor dos 10 quilos, chegounos pesando só 4 quilos". Por que? Pois, como sinala Esther, "porque creceu ata onde as condicións do hábitat no que se aloxaba --lembremos, unha bañeira--, llo permitiron". 

"POLO MOMENTO SÓ COME PEITUGA DE POLO, PERO NUN ANO DUPLICOU O SEU TAMAÑO E ESTÁ COÑECENDO A LAGOA POUCO A POUCO"

Cando chegou a Marcelle Natureza, e aínda a día de hoxe, "presentaba moitos problemas á hora de alimentarse". A maneira que ten de comer este animal é moi sinxela: "cando abre a boca pódese ver na súa lingua unha especie de vermiño pequeno que lle serve de cebo para que os peixes entren na súa boca coa intención de comer o verme, logo cerra a boca e pode engulir o peixe que picou no anzol", explica Esther. Esa é a súa técnica de caza. Pero, lamentablemente, Caín non sabe facer iso, polo que, "polo momento só come peituga de polo". Como nos conta a conservadora do centro, "aínda non conseguimos que coma nada máis e ela, por si mesma, non sabe cazar, polo que temos que alimentala nós". Aínda con todo, Caín xa duplicou o seu peso nun ano, chegando aos 7 quilos, o cal para os seus coidadores é unha satisfacción enorme. O seguinte paso será axudarlle na aprendizaxe de técnicas de caza propias das tartarugas carnívoras coma ela.

Caín, a tartaruga Caimán que se recupera en Marcelle Natureza tras vivir 4 anos nunha bañeira
Caín, a tartaruga Caimán que se recupera en Marcelle Natureza tras vivir 4 anos nunha bañeira | Fonte: Marcelle Natureza

Agora ben, alo menos a día de hoxe, Caín atópase feliz e contenta no seu novo hábitat, moito máis axeitado ás condicións óptimas para a súa especie: conta cunha gran charca de 120.000 litros de auga. "Para ela é como unha gran lagoa", chancea Esther, que asegura que "aínda non a chegou a coñecer ao completo nun ano que leva connosco". E é que, a pesar de que pouquiño a pouco si vai descubrindo recunchos da mesma, a coordinadora do centro explica que "aínda ten bastante medo". Polo menos, a boa noticia é que poderá seguir medrando, porque "as tartarugas medran en función do espazo que lles rodea", de maneira que Caín, "se pode nadar, vai medrar máis e, se non, vai chegar ata onde o recinto no que se atope llo permita", sinala Esther.

"AÍNDA É MOI TÍMIDA, PERO CANDO A SACAMOS PARA AS REVISIÓNS XA VEMOS QUE SACA UN POUCO DE CARÁCTER E SE ANOXA"

E como se deron conta en Marcelle Natureza dos problemas e trastornos que presentaba Caín? Segundo nos explica Esther, "nada máis chegan os animais a nós sempre lles facemos un primeiro chequeo veterinario para ver en que condicións están, porque obviamente chegan sen control veterinario algún". Desta maneira, sométeselles ás probas sanitarias pertinentes en cada caso e determínase se están sáns ou padecen algunha enfermidade. "Unha vez descartamos calquera patoloxía, entón entramos na revisión do seu comportamento, con outra serie de exames", detalla a conservadora de Marcelle Natureza, que chancea que "chegar aquí é coma ir ao psicólogo despois de que o médico así cho indicase". Deste xeito, en base á conduta do animal e de como reacciona aos diversos estímulos ou da cantidade de medo que vai amosando aos novos estímulos, poden saber o que lle acontece, os seus niveis de ansiedade, e ir traballando ata "atopar que é aquilo ao que animal lle ten medo". No caso de Caín, a lagoa aínda é todo un reto por superar, así como a caza.

Caín é toda unha preciosidade que, como di Esther, recibiu o seu nome inxustamente, xa que "nós consideramos que, por todo o que tivera que pasar, chegaría cun comportamento semellante ao de Caín, sendo agresiva, pero o certo é que nada máis lonxe da realidade". Segundo puideron coñecer ata o momento "é un animal completamente tímido", se ben é certo que "cando a sacamos para pesala e facerlle as revisións veterinarias si que vemos que saca un pouco de carácter e se anoxa". O cal non está mal, pois trala mala experiencia que tivo cos humanos, non é de estrañar que, "se puidera, quixese comernos", chacea a conservadora de Marcelle Natureza. "Tamén ten o seu mérito que, despois de estar anos atrapada nunha bañeira sen poder moverse, a pobre saque o seu carácter, xa é todo un logro e un síntoma de recuperación que en ningún caso nos tomamos como unha ofensa cara nós", conclúe.

MARCELLE NATUREZA CUMPRE UN ANO COMO CENTRO DE RESCATE CITES

Centos de especies vense ameazadas polo comercio ilegal, o que significa que hai miles de animais desprotexidos á espera dun lugar no que poder ser rehabilitados e no que ter unha boa vida. Os centros de rescate CITES son os lugares nos que atopan unha segunda oportunidade. En Marcelle Natureza a protección da fauna sempre foi o obxectivo principal, polo que dende fai uns anos decidiron pasar á acción, logrando no ano 2024 ser nomeados como Centro de Rescate a nivel estatal pola institución CITES, converténdose así nun dos únicos centros que hai en España para dárlle unha vida digna a animais que veñen de vivir en condicións deplorables. No noso país, tan só o 28 % dos centros zoolóxicos están autorizados para acoller a ester animais e ser o seu fogar de por vida. Ao longo deste ano como CITES, Marcelle xa acolleu a máis de 20 animais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta