Residentes de EE.UU. son xa os principais compradores de vivendas en Galicia

A compravenda de vivendas por estranxeiros en Galicia aumenta un 22,5%. Cun total de 1.040 operacións neste período, o prezo medio na comunidade autónoma situouse en 1.058 €/m2, un 5% máis que no mesmo período de 2023, e por baixo da media estatal do 8,6%.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/04/2025 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

A compravenda de vivenda libre por estranxeiros en Galicia aumentou un 22,5% interanual no segundo semestre de 2024, case o dobre do 11,5% alcanzado no primeiro semestre do ano pasado respecto ao primeiro de 2023, e o sexto máis alto das 17 autonomías. Neste período efectuáronse en Galicia 1.040 operacións fronte ás 849 do mesmo período do ano anterior. 

EE.UU e Portugal, á cabeza en compra de vivendas en Galicia. : Os datos ofrecidos proceden das escrituras públicas autorizadas polos notarios no primeiro semestre de 2024.
EE.UU e Portugal, á cabeza en compra de vivendas en Galicia. : Os datos ofrecidos proceden das escrituras públicas autorizadas polos notarios no primeiro semestre de 2024.

Desde 2016, a compravenda por estranxeiros non deixou de crecer de forma sostida en Galicia, salvo no primeiro semestre de 2020 e no segundo de 2023. A orixe dos compradores en Galicia é, especialmente, de estadounidenses e portugueses como non residentes e de portugueses e romaneses como residentes.

 

O prezo medio por metro cadrado das operacións realizadas por compradores estranxeiros na segunda metade de 2024 en Galicia situouse en 1.058 €/m², un 5% máis que no mesmo período do ano anterior. No conxunto de España, o prezo medio foi de 2.362 €/m², un 8,6 % máis que no mesmo período de 2023. 

CONXUNTO DO ESTADO

Polo que respecto ao conxunto de España, o aumento foi do 10,3% interanual ata alcanzar as 69.690 operacións na segunda metade de 2024. Este incremento consolida a recuperación comezada no primeiro semestre do ano, cando as compravendas por parte de estranxeiros xa creceran un 1,8% interanual. As operacións efectuadas por estranxeiros representaron un 19,5% do total de compravendas, quedando por baixo da media que se rexistrou en 2023 (21,1%).

Os estranxeiros residentes concentraron o 58,1% das operacións rexistradas en todo o Estado, cun crecemento do 11,8%, mentres que os non residentes asumiron o 41,9% restante. Estes últimos protagonizaron unha destacada recuperación, pasando dunha caída do -1,4% no semestre anterior, a un crecemento do 8,2%. Este impulso dos residentes na segunda metade do ano consolidou a recuperación de comezos de 2024, cando xa se rexistrara un crecemento do 4,2% tras dous semestres consecutivos en negativo (-3,0% e -7,0%). 

POR AUTONOMÍAS

A compravenda de vivenda libre por parte de estranxeiros aumentou en 16 autonomías e só descendeu nunha. As maiores subidas interanuais rexistráronse en Cantabria (33,5%), Castela e León (28,7%), Asturias (28,6%), Estremadura (26,9%), Castela-A Mancha (23,0%), Galicia (22,5%) e Madrid (21,9%). A maior distancia figuran País Vasco (14,7%), Aragón (13,4%), Cataluña (13,3%), A Rioxa (12,3%), Andalucía (9,9%), Murcia (8,6%), Navarra (8,4%), Comunidade Valenciana (6,8%) e Baleares (2,1%), en tanto que a única comunidade con descenso foi Canarias, un -3,9%.

O custo do metro cadrado subiu en 15 comunidades autónomas. Cantabria (25,8%) liderou o crecemento, seguida de Baleares (16,6%), País Vasco (16,4%), Castela-A Mancha (12,7%), Andalucía (12,4%), Canarias (11,3%), Murcia (8,8%), Aragón (7,8%), a Comunidade Valenciana (7,7%), Madrid (6,9%), Estremadura (6,5%), Galicia (5,0%), Castela e León (4,7%), Cataluña (3,2%) e A Rioxa (2,3%). Os prezos caeron en Asturias (-0,2%) e especialmente en Navarra (-7,3%).

BRITÁNICOS, Á CABEZA

Por nacionalidade, o grupo de estranxeiros que máis vivendas adquiriu foi novamente o de nacionalidade británica, co 8,7% das operacións totais (6.048), seguido por marroquís (7,3%) e alemáns (6,7%). O grupo de nacionalidades que engloba ao resto de compradores estranxeiros de fóra da UE alcanzou o 12,2%, consolidando a tendencia alcista observada en semestres anteriores, esta vez cun volume aínda máis elevado.

En comparación co segundo semestre de 2023, as compras por parte de estranxeiros aumentaron especialmente entre polacos (43,7%), chineses (26,5%) e ucraínos (26,3%), holandeses (26,0%) e colombianos (23,4%). En cambio, as maiores caídas déronse en compradores rusos (-10,6%), franceses (-2,0%), británicos (-1,7%) e belgas (-1,6%), o que reflicte un cambio na composición nacional do mercado estranxeiro.

En canto aos prezos medios por metro cadrado, os máis elevados corresponderon aos compradores procedentes dos Estados Unidos (3.390 €/m²), Suecia (3.295 €/m²) e Alemaña (3.224 €/m²). Tamén pagaron importes superiores á media os compradores de Suíza, Noruega, Polonia, Países e Rusia Baixos.Os importes máis baixos observáronse en compradores de nacionalidades como Romanía (1.205 €/m²) e Marrocos (753 €/m²).

Os prezos que máis creceron foron os das compravendas realizadas por belgas (17,7%), irlandeses (15,1%), alemáns (13,2%), estadounidenses (12,7%) e británicos (11,6%). Tamén destacaron os aumentos rexistrados en compradores de Portugal (11,0%) e Romanía (9,9%). A única caída produciuse entre os compradores de Arxentina (-1,1%), mentres Venezuela (0,1%) e Suíza (0,8%) rexistraron incrementos moi moderados.

ONDE MERCAN OS ESTRANXEIROS

No conxunto de España os franceses e estadounidenses superaron este semestre aos alemáns e británicos e lideraron a cota de compravendas entre estranxeiros non residentes. Os franceses lideraron en Cataluña, Cantabria, Aragón, Castela e León, e Navarra. Os estadounidenses foron os principais compradores en País Vasco, A Rioxa, Asturias, Galicia, e Castela-A Mancha.

Entre os estranxeiros residentes, os romaneses destacaron como os principais compradores de vivenda, superando os marroquís. Seguíronlles, aínda que con menor peso, italianos, chineses e portugueses, e especialmente en Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Cantabria, Asturias, País Vasco, e Valencia.

Por criterio de residencia e autonomía, en Galicia sobresaen en porcentaxe as compravendas de estadounidenses e portugueses como non residentes e de portugueses e romaneses como residentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta