Rafa Sisto tras unha nova denuncia da mineira Toysal: "a min todo isto pareceme un circo"

Toysal anunciou apertura de dilixencias contra o alcalde de Teo, Rafa Sisto, en relación á mina de Casalonga. É o cuarto intento de levar aos tribunais ao rexedor teense. "Non nos estraña que Toysal, coa actuación da Direción Xeral de Minas, tire para adiante contra un alcalde, unha concelleira e un arquitecto municipal", di nesta entrevista.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A mineira Toysal anunciaba este luns que o xulgado abrirá dilixencias contra o alcalde de Teo, Rafael Sisto, a concelleira de Urbanismo e o arquitecto municipal por irregularidades en relación a mina de Casalonga. “Non temos notificiación do xulgado nin sabemos que pedirán, din que enviaron unha citación mais non nos consta ningunha citación” din desde o gabinete de prensa do Concello de Teo sobre este asunto.

Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga. CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS
Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga. CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS

“Na nota que manda, Toysal fala de dilixencias previas e esta é a cuarta vez que o fan”, din. Por iso, entenden desde o consistorio teense é que o xulgado pedirá documentación sobre o camiño público que pasa pola antiga canteira. Este camiño fora cortado cunha cancela por Toysal e tras a protesta de veciños, coa presenza do mesmo alcalde e da Garda Civil, ao final retiráronse os atrancos á circulación.  Falamos con Rafa Sisto para coñecer a súa valoración sobre estas dilixencias previas do xulgado.

-Aínda que sexan dilixencias previas, por que cre que Toysal abre dilixencias previas contra vostede e a concelleira de Urbanismo e o arquitecto municipal?
O certo é que non o sei. A min paréceme un pouco como se fora un circo, unha arroutada da empresa. Cando hai un problema ou discrepancias sobre unha propiedade, que parece ser o que hai detrás desta actuación, pois nada máis normal que ir a un xulgado. Alí reclamarán a súa propiedade se teñen a documentación pertinente. É unha cousa moi doada, presentar ante a administración de Xustiza os papeis e reclamar o terreo. Non fai falla montar este “número” destinado a poñer en entredito a uns representantes políticos, non por facer o que é a nosa vontade senón o que é a nosa obriga, defender o público.

-Isto acontece relativamente perto no tempo cando Toysal colocara unhas barreiras nunha estrada que era de dominio público. Cre que estas dilixencias son consecuencia de ter obrigado á empresa retirar as barreiras e ademais, é unha mostra da impunidade coa que actúan algunhas empresas en terreos públicos?
Pois cando dicimos que iso parece unha arroutada, vai nese sentido, porque chegaron a unha vía pública, colocaron uns postes e unha cancela e tendo en contra, aínda que sexa unha administración pequena quen defende con todos os seus medios o interese público, é algo que non lle gusta. Por iso buscan o amparo de administracións que poden ser máis contemporizadoras que inician o proceso de expropiación desa estrada, como é o momento no que estamos. Cando un ente como é a Direción Xeral de Minas comeza un expediente de expropiación de algo que non está recollido nin no Rexistro da Propiedade nin nos rexistros catastrais, onde aparece como ben público, é sospeitoso. Desta maneira non nos estraña que Toysal, coa actuación da Direción Xeral de Minas, tire para adiante contra un alcalde, unha concelleira e un arquitecto municipal. Entendo que é por frustración, pois falamos dunha empresa dedicada ao tratamento do lixo, non traballa a explotación de canteiras. Non temos  problemas con que se explote a canteira, xa estivo hai trinta anos cunha estrada provincial pasando polo medio e non houbo ningún problema. Por iso non entendo que a estrada pase a ser privada se non é máis alá de pechar toda a zona para ocultar as actividades desenvolvidas dentro.

Non fai falla montar este “número” destinado a poñer en entredito a uns representantes políticos, non por facer o que é a nosa vontade senón o que é a nosa obriga, defender o público.

Montaxe do plano de restauración e recuperación Toysal
Montaxe do plano de restauración e recuperación Toysal | Fonte: Casalonga Limpa de Residuos

-As manobras da empresa usando unhas administracións públicas para quedar cuns dominios públicos sería prevaricación?
Eu entendo que si,  por iso a ver se as alegacións presentadas polo Concello os fagan rectificar. Nós fomos falar coa Direción Xeral de Minas, e coas alegacións que presentamos esperamos que paren todo o proceso polo ben de todos.

-Desecar a lagoa da canteira pode ser unha mostra de empoderamento da empresa logo dunha nova victoria do PP nas últimas eleccións autonómicas, o partido que creou a lei do solo actual?
Puidera ser. Si temos claro que coa explotación da canteira non temos problema, mais debera facelo seguindo os protocolos que Augas de Galicia e Minas lles marquen. Por iso protestamos, e seguirémolo facendo, contra o baleirado da lagoa en Casalonga sen as pertinentes autorizacións. O noso interese está en que Toysal actúe seguindo as normas e non indo polo medio.

-Contactou directamente con representantes ou directivos de Toysal?
O día que estaban colocando a cancela na estrada, alí estaba o xefe da empresa, cousa que nos chamou a atención. Ese día tivemos un intercambio de palabras. Este home ameazou con levarnos ao xulgado.

Non nos estraña que Toysal, coa actuación da Direción Xeral de Minas, tire para adiante contra un alcalde, unha concelleira e un arquitecto municipal.

-E el non era consciente de que estaba actuando sobre terreo público?
Aínda que fose unha propiedade privada, non podes facer unha casa onde che dá a gana e cando che dá a gana sen permisos. Se mesmo a estrada fose privada, tería que pedir unha autorización municipal para facer un peche. Isto mostra como moitas veces saltan os procedementos legais.

-Segue habendo fluidez entre concello e os veciños que se opoñen ao uso da canteira como vertedoiro?
Si, queremos ter ao tanto ás forzas políticas e á plataforma de veciños. Isto aínda que Minas lle nega ao Concello ser parte interesada. Recorren á lei de minas de 1954 para declarar que non somos ente interesado no procedemento.

-Cre que están buscando esgotar os ánimos da xente e do Concello para poder depositar residuos?
Eles viñeron cunha intención que, grazas á actuación dos veciños e do Concello, parouse a planta de tratamento de residuos e iso xeroulles frustración. Agora creo que buscan un medio para meter materiais de fóra nesa canteira co Plan de Restauración. Esa é a nosa preocupación, que ese plan non inclúa a entrada de residuos. Daquela dariamos a oportunidade a Toysal de tratar o lixo en todas as súas vertentes. Ese material son tecnosolos, material de desfeita sobre o que o Concello non ten capacidade de control. Isto último débese a que a nivel competencial non podemos parar un camión que fose á canteira para ver que leva. Iso daría lugar a unha querela por obstrución. Aí non debe entrar material de fóra. Nós non podemos controlar o que entraría, mais dubido moito que a autoridade autonómica fixese os correspondentes controis. A restauración debe facerse cos materiais que hai na canteira, que é moito.

Se mesmo a estrada fose privada, tería que pedir unha autorización municipal para facer un peche. Isto mostra como moitas veces saltan os procedementos legais

-Todas as forzas políticas representadas no Concello seguen en contra do proxecto de Casalonga?
Formalmente é así, non vou dicir o contrario. Cada un pon a forza que estima necesaria sobre determinados temas, mais é certo que nos acordos que se tomaron polo Concello sobre Toysal e a canteira tomáronse por unanimidade. A liberalización que fixo o PP a través da Xunta de Galicia para declarar que en calquera parte de solo rústico se poda establecer pois unha pirotecnia ou unha planta de residuos, significa que o PP ten unha responsabilidade política. Iso non significa que nos acordos asinados en Teo, os populares tivesen unha posición unánime coas outras forzas políticas, cousa que lles agradecemos.

-No caso de materializarse o proxecto na canteira de Casalonga, sabe a cantos veciños podería afectar a chegada de residuos ou tecnosolos?
Cando foi o intento de instalar a planta de residuos, falabamos que parte da Maía, da vertente de Teo cara Ames veríase moi afectado, mesmo chegando ao río Ulla cara a ría de Arousa, por iso nos opuxemos con firmeza daquela.

-Cre que finalmente acabarán materializándose as intencións de Toysal?
Teño a convicción persoal que non o conseguirán. Faremos todo canto estea nas nosas mans. Ademais, o posicionamento da xente de Teo sobre este tema é moi claro. Penso que cando se dá unha confluencia de intereses para defender o noso sistema de vida vai telo difícil.

Rafa Sisto, alcalde de Teo
Rafa Sisto, alcalde de Teo | Fonte: wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta