Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2021 | Actualizada ás 16:49
Ao redor dunha trintena de veciños da parroquia de Recemel, no concello das Somozas, concentráronse no mediodía deste mércores ante o edificio administrativo da Xunta en Ferrol para demandar ao Goberno galego "a paralización inmediata" da canteira de Viñas, ao estimar que se dan as circunstancias para cesar a actividade para poder así "garantir a seguridade das persoas, a integridade da poboación e do medio".
Acompañados do deputado autonómico do BNG Ramón Fernández, presentaron un escrito dirixido a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Minas e á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, solicitando que se cumpra a resolución aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia o pasado 16 de setembro, na que se "insta á Xunta a adoptar as medidas que sexan precisas" na devandita explotación mineira, e que en caso de ser necesario "se decrete a paralización para garantir a seguridade das persoas, arroios e ríos da zona, así como das vivendas e da circulación viaria".
O deputado do BNG asegurou "non entender como durante todos estes meses, os servizos da Xunta, a través das súas diferentes consellerías, que teñen competencia, están a pasar por alto os danos e prexuízos que se están producindo, e ao mesmo tempo que manteñen un tráfico epistolar en termos xurídicos e burocráticos, que parece que o que buscan é que os veciños abandonen as súas protestas".
Ramón Fernández detallou que a presentación deste escrito o que busca "é lembrar que hai este acordo do Parlamento de Galicia e que o poñan en práctica á maior celeridade".
NORMATIVA "MÁIS GARANTISTA"
O deputado autonómico tamén lembrou que a entidade veciñal da zona "xa presentou multitude de escritos nos que asegura que a Declaración de Efectos Ambientais (DEA), que data do ano 1996, ten que ser consideraba obsoleta, ten que ser considera caduca e a empresa debe de realizar unha nova declaración coa nova normativa, que é moito máis garantista".
O representante do BNG tamén subliñou que a interpretación que fai a Xunta é que "alí xa houbo actividade e debido a esa interpretación, máis que discutible, considera que esa declaración segue vixente", apuntando os veciños da zona que alí nunca houbo tal actividade, xa que a empresa á que se lle concedeu, xa desaparecida, "traballou alí quince días, retirou a terra vexetal, preparou o terreo, pero nunca chegou a explotar a dita zona como canteira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.