Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/01/2022 | Actualizada ás 14:04
As matriculacións de automóbiles en Galicia situáronse en 25.149 en 2021, o que supón unha caída do 17,4% respecto de 2020, un ano no que se superaron as 30.000 vendas. Esta caída contrasta co incremento do 1% que se produce en España, onde se matricularon 859.477 unidades en 2021, aínda que está lonxe dos 1,26 millóns de unidades de 2019, segundo datos das asociacións de fabricantes (Anfac), (Faconauto) e vendedores (Ganvam).
O descenso en Galicia é o terceiro maior entre autonomías, só por detrás da Rioxa (-19%) e País Vasco (-18,3%). O incremento medio en España explícase polo aumento do 15,5% de vendas en Madrid, xa que a maioría das comunidades experimentan retrocesos en 2021.
De tal forma, as vendas en Galicia quedan nunha cota do 2,9% do global do mercado estatal, cando en 2020 supuñan o 3,6%.
No tocante só ao mes de decembro, en Galicia vendéronse 2.607 turismos, un 37,1% menos, das maiores baixadas no país.
Os vehículos de gasóleo son o que padecen o maior descenso en vendas nos concesionarios galegos en 2021, un 43,3% menos. Se en 2020 se alcanzaron as 9.764 matriculacións, en 2021 só foron 5.538.
Tamén hai unha diminución acusada nos vehículos de gasolina matriculados (-26,7%) ata quedar en só 10.473 en 2021.
En cambio, dispáranse un 42,8% as matriculacións en Galicia de vehículos híbridos e eléctricos. Foron 9.138 en 2021 --6.397 en 2020--, unha cifra que se aproxima xa aos datos de vehículos de gasolina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.