Dakidarría lanza o seu novo disco 'Colaxe' con dez cancións, moitas colaboracións e algunha sorpresa

A banda homenaxea neste sexto traballo ás diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo ao longo destes anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/02/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

O sexto disco de Dakidarría xa está no mercado. Un novo álbum que leva por título 'Colaxe' e a través de 10 cancións homenaxea á súa carreira e ás diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante o seu percorrido de 18 anos. Así, 'Colaxe' é un disco de estudo onde o grupo percorre "as diversas influencias musicais que o fixeron medrar e chegar ata o presente nun estado de forma envexable tras case dúas décadas de carreira".

Dakidarría lanza o seu sexto álbum 'Colaxe'.
Dakidarría lanza o seu sexto álbum 'Colaxe'.

Un álbum nacido do parón obrigatorio froito da pandemia, composto a distancia e totalmente autoproducido pola banda. Cada estilo musical convértese desta forma, segundo a banda, "nunha peza desta colaxe que é Dakidarría", un grupo que fixo da mestura estilística a súa

bandeira; ó mesmo tempo que transmite unha mensaxe de "humildade, rebeldía, alegría e compromiso social".

'Colaxe' conta con numerosas colaboracións de bandas e músicos como Boikot, Evaristo (La Polla Records), Inadaptats, High Paw, Xavi Solano (Esne Beltza), En Tol Sarmiento ou Menina Arroutada, entre outras, pero destaca especialmente neste senso a canción “Pobo de Artistas” onde a banda, en coautoría con Tanxugueiras e O Rabelo, pon en valor a escena musical galega actual cantando xunto a case 100 grupos e artistas do país.

Colaxe foi gravado en 'A CARPINTERIA', un estudo de gravación aberto o pasado ano por Dakidarría e polo que xa pasaran algunhas bandas a rexistrar a súa música. Mesturouse e masterizouse en “Santa Cruz Recording Studios” de Oleiros por Alber Castro, técnico de son da banda dende hai máis dunha década.

Tras unha ampliación de formación ultiman os detalles da xira “Colaxe” que lles levará, por fin, a reatoparse co seu público no formato eléctrico habitual tras dous anos facéndoo en acústico debido ás circunstancias sanitarias. "Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un show que, se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo", subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta