Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/04/2025 | Actualizada ás 22:00
O consumo de alcol entre menores é unha realidade que, lonxe de reducirse, semella adoptar novas formas e riscos. Se ben as cifras globais non indican un aumento exponencial no seu consumo nos últimos anos, expertos advirten que a maneira en que os mozos beben mudou drasticamente. O consumo intensivo de alcol ou 'binge drinking' e recreativo nas fins de semana substituíu aquela vella imaxe do viño na mesa familiar, e as consecuencias desta transformación seguen sendo obxecto de debate. Como inflúe a contorna familiar nesta iniciación? Que papel xogan a publicidade, os modelos sociais e a saúde mental dos adolescentes? E os iguais, que capacidade teñen para incitar ao consumo? Nesta reportaxe, e da man de Fernando Cadaveira, catedrático de Psicobioloxía no Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Galicia Confidencial afonda nos múltiples factores que converten esta problemática nunha cuestión social de primeira orde.
O primeiro que convida a ter en conta Cadaveira é o feito de que "o verdadeiro problema co que nos atopamos a día de hoxe, ademais do inicio temperá na inxesta de alcol, é o seu consumo intensivo e intermitente que se fai nos días da fin de semana". "Probablemente na actualidade non se consume máis alcol que antes, pero, dende logo, si se consume de maneira diferente", sinala. Así, expón que "o alcol sempre estivo presente na vida dos menores, dende aqueles tempos nos que aos nenos se lles daban sopas de viño para que entrasen en calor nas vilas do interior e nos que o alcol estaba presente na dieta dos pais de xeito regularizado"; de aí pasouse, a día de hoxe, ao "consumo recreativo, en fin de semana". De maneira que "non se trata de que o menor beba porque ten ese vicio, senón que simplemente bebe porque é o que se leva, é a moda e unha maneira de divertirse", apunta. Agora ben, cales son os factores que inflúen nesa iniciación no consumo? Pois non hai un único, senón que se trata dunha conxunción de causas que derivan nunha problemática social de primeira orde.
"A MAIORÍA DOS MOZOS DEBUTAN NO CONSUMO DE ALCOL NA CASA, CANDO HAI CELEBRACIÓNS, O CAL É PERIGOSO, PORQUE O ASOCIAN CON ALGO POSITIVO"
O catedrático da USC resalta que eses factores que os inflúen "comezan pola familia e seguen logo polos pares, polos seus iguais, os amigos da súa idade", que van dando lugar a "un contexto social no que beber está extraordinariamente normalizado e mesmo promovido". Así, Cadaveira convida a pensar no debut da maioría dos mozos no alcol. "A gran maioría dos mozos debutan no consumo de alcol na súa casa e cando hai unha celebración, porque o primeiro que se fai sempre é brindar para celebrar", sinala, e advirte que "esta é unha asociación perigosa, porque se lle dá ao alcol unha valoración positiva, de maneira que xa non só hai unha normalización do consumo, senón tamén unha promoción do mesmo que chega dende a propia contorna familiar". Non en van, resalta que "hai estudos que relacionan directamente a normalización en termos de cantidade de alcol consumida polos mozos, coa cantidade de alcol consumida polas súas familias, polo que, vendo o consumo que realiza unha familia, pódese prever o consumo que terán os fillos". Con todo, Cadaveira aposta por non situar a responsabilidade só sobre as familias, porque "vivimos nun contexto social no que o alcol está integrado na cultura dende hai máis de 2.000 anos".
Indo máis aló da familia, cando chega a idade na que os menores comezan a saír máis á rúa e a pasar máis tempo nela, atópanse con novos estímulos para ese consumo. "Na contorna atopan moita publicidade, aínda que ás veces estea enmascarada de 0,0 (sen alcol), asociada aos seus heroes deportivos, aos seus influencers favoritos e aos famosos de moda", apunta, denunciando que "a maior parte de publicidade vai claramente dirixida ao público máis novo". E advirte de que, "por moito que estean anunciando unha bebida sen alcol, a xente non mira o 0,0, só mira a marca, e xeralmente trátanse de anuncios de marcas de cervexa, que é a bebida máis consumida polos mozos de hoxe en día, xunto aos combinados". Así as cousas, "os rapaces medran nun contexto influído pola publicidade sobre o alcol e, chegada a adolescencia, cando comezan a relacionarse cos amigos para saír de festa e divertirse, empezan a facer o que fan todos os seus iguais, para encaixar". E que é o que adoitan facer? "Animalos a beber para que se divirtan, porque beber ten efectos euforizantes e provoca a desinhibición, a perda desa timidez para relacionarse, de maneira que pensan que non é algo malo", explica. E é que Cadaveira amósase convencido de que "os mozos non beben unha cervexa porque lles guste o seu sabor".
"É MOI DOADO QUE ADOLESCENTES CON ANSIEDADE, DEPRESIÓN OU CONDUTAS IMPULSIVAS SEXAN MÁIS PROCLIVES A CAER NO CONSUMO ABUSIVO DE ALCOL"
Agora ben, non todos os mozos están igual de expostos a caer nun consumo de risco. "Hai vulnerabilidades individuais que inflúen moito", resalta o catedrático da USC, que sinala, por exemplo, aos problemas de saúde mental. "Vivimos nunha especie de pandemia de problemas de saúde mental entre os mozos que tamén derivan de moitas causas, moitas delas relacionadas coa contorna social na que viven e coa falta de expectativas e de referentes apropiados que lles transmitan valores positivos, xa que, agora mesmo, estamos nos antípodas dunha sociedade que lles poida inculcar valores positivos, como o respecto ou a igualdade", lamenta Cadaveira, que asegura que estas circunstancias tamén inflúen no incremento do consumo de alcol a idades temperás. "Hai un construto na psicoloxía que é o de desamparo aprendido, e que se dá cando a xente chega á conclusión de que faga o que faga non vai poder mudar as cousas, non vai mellorar a súa vida nin vai resolver os seus problemas, polo que se frustra", expón, sinalando que, dende a súa opinión, "a nosa xuventude está instalada aí, no desamparo aprendido, porque non ve expectativas".
De onde vén iso? Aínda que semelle contraditorio, en parte, pode derivar da abundancia na que os mozos viven. "Aínda que poida semellar unha contradición o precisar máis canto máis reciben, é certo que tamén se lles vende a expectativa de que poden conseguir moitas cousas, pero rematan vendo que, pola vía do mérito, do esforzo e do traballo, non chega, máis ben ao contrario, hai quen consigue máis facendo as cousas mal". Deste xeito, "neste contexto, é moi doado que adolescentes con ansiedade, depresión ou condutas impulsivas, sen importar o seu xénero --nos últimos anos o consumo de alcol igualouse entre rapaces e rapazas e medrou considerablemente entre as mulleres--, sexan máis proclives a caer no consumo abusivo de alcol, así como no consumo doutras substancias e mesmo noutras adiccións, como o xogo patolóxico ou o enganche a Internet", asegura. Así, incide en que "estamos falando de factores de base, de tipo psicolóxico, que fan que unha porcentaxe da poboación sexa máis vulnerable a caer en consumos abusivos que outra".
"SOMOS UNHA SOCIEDADE ALCOLIZADA NA QUE HAI MOITOS INTERESES ECONÓMICOS EN XOGO PARA QUE A COUSA NON MUDE"
Entre eses factores que inflúen nese consumo abusivo a idades temperás o catedrático tamén apunta á predisposición xenética. "Hai estudos que falan de que ata o 50 % da poboación corre o risco de desenvolver dependencia do alcol, o que antes se chamaba alcolismo e que agora se denomina correctamente como trastorno por abuso de alcol", resalta Cadaveira. Con todo, "dese 50 % hai unha porcentaxe de persoas que, por razóns orgánicas de vulnerabilidade --non de vicio, nunca debemos asocialo a iso--, mesmo con consumos menores que os doutras persoas, poden rematar desenvolvendo dependencia". E cales son esas vulnerabilidades que os poden facer máis proclives a desenvolver dependecia? "Factores individuais como a depresión, a conduta antisocial ou a hiperactividade, entre moitas outras condicións, todas elas etiquetas que actualmente se atopan detrás de personalidades de risco e que, ademais, se suman aos factores xenéticos". Agora ben, como resalta o catedrático da USC, non hai que menosprezar o feito de que "todo isto vese acentuado por un ambiente que resulta moi proclive ao consumo".
Tendo todo o anterior en conta, pode comprenderse que eses factores que inflúen no inicio cada vez máis temperá e abusivo do alcol non parten da nada, senón de contextos de normalización completa para o seu consumo, que se suman ás vulnerabilidades individuais de cada quen. "Somos unha sociedade alcolizada na que hai moitos intereses económicos en xogo para que a cousa non mude", asegura Cadaveira. Como experiencia persoal, lembra que, cando actuou no Congreso dos Deputados como experto para a redacción da anterior lei sobre a prevención do consumo de alcol en menores, "entendín por que non saiu adiante". "Decaeu porque os expertos dixemos moitas cousas, pero, cando chegou o momento da verdade e de ver que medidas se poñían en práctica, comezaron a terse en conta moitos outros intereses máis aló da saúde dos menores", critica, lamentando que "cando din que a saúde é o primeiro, falarán da súa e no momento en que a perdan, porque senón iso é un conto que non se aplica, porque, na realidade, o primeiro son os cartos". É por iso que o catedrático da USC asegura non estar aínda seguro de que este novo proxecto de lei poida saír adiante. "Semella que tempo ata que haxa eleccións temos, pero outra cousa é que haxa consenso suficiente como para sacar a lei adiante", reflexiona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.