Como axudar á poboación ucraína? Estes son os supermercados nos que facer unha doazón

Vegalsa abre unha campaña de apoio á poboación ucraína nos seus establecementos Familia e Eroski.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Continúan as mostras de solidariedade coa poboación ucraína no marco do Estado español e Galicia. A derradeira compañía en unirse a este apoio colectivo é Vegalsa, que a través das marcas Eroski e Autoservicios Familia vén de pór en marcha na súa rede comercial en unha campaña de emerxencia de axuda humanitaria para as persoas damnificadas polo enfrontamento bélico.

Campaña de apoio de Vegalsa a Ucraína
Campaña de apoio de Vegalsa a Ucraína | Fonte: remitida

Segundo destacan dende a compañía, os clientes que o desexen poderán realizar un donativo voluntario ao seu paso pola liña de caixa nos 256 establecementos repartidos por Galicia e as CCAA lindantes. "Vegalsa-Eroski completará a recadación das doazóns dos seus clientes cunha achega adicional", inciden dende a corporación antes de sinalar que "o total doado será canalizado á poboación afectada a través do Fondo de Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, que atende en Ucraína a nenos, nenas e as súas familias desde o estalido das hostilidades ao leste do país, nas rexións de Donetsk e Lugansk, no 2014".

Actualmente, inciden as mesmas fontes, a vida e o benestar duns 7,5 millóns de nenos e nenas está en risco polo conflito militar. As necesidades humanitarias fóronse multiplicado, sendo precisadas xa en todo o país. A ONU estima unha cifra de persoas refuxiadas que alcance os 5 millóns. UNICEF, xunto ao resto de organizacións humanitarias internacionais e en coordinación coas autoridades do país, está a traballar de forma urxente para ampliar os programas de axuda humanitaria ao longo de toda Ucraína e países de acollida. Isto inclúe a distribución de auga potable e o establecemento de reservas de subministracións sanitarias, hixiénicos e educativos esenciais, ademais da provisión de asistencia psicosocial á infancia e as súas familias.

“A necesidade de axuda de emerxencia derivada da crise en Ucraína ínstanos a non mirar cara outro lado e a ofrecer aos nosos clientes a posibilidade de canalizar a súa axuda de maneira urxente. Para iso queremos poñer a nosa rede de tendas Eroski e Autoservizos Familia ao servizo desta causa solidaria, dando a opción aos nosos clientes de que poidan doar ao seu paso por caixa polo importe que estimen máis adecuado. Co compromiso e solidariedade tanto da nosa compañía como dos nosos clientes contribuiremos a facer chegar recursos onde máis falta fai e da maneira máis rápida posible”, afirma a directora de  RSE, Comunicación e Área Cliente de  Vegalsa-Eroski, Gabriela González.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta