Detida en Ribeira por segunda vez unha muller como presunta autora dun incendio forestal

Outra persoa máis foi identificada en Ames como autora doutro lume.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/08/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A Policía Autonómica detivo este venres a presunta autora dun incendio provocado cun chisqueiro o pasado 24 de xullo, na parroquia de Oleiros, no concello coruñés de Ribeira. Destacan ademais que esta é a segunda vez que se tramitan dilixencias contra ela por este motivo.

Incendio forestal en Quiroga (Lugo)
Incendio forestal en Quiroga (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

A muller foi detida como presunta causante dun incendio intencionado que afectou a unha superficie de 0,01 hectáreas de monte raso, provocado cun chisqueiro á beira da estrada e fronte a unha gasolineira.

Segundo informou a Policía Autonómica, é a segunda vez que se tramitan dilixencias contra esta muller como presunta autora de incendios forestais na zona. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións da Garda de Ribeira.

Por outra banda, a Policía Autonómica notificou tamén o esclarecemento doutro incendio rexistrado en Ames o pasado 5 de agosto e que afectou a unhas 7,5 hectáreas de monte. A investigación determinou que o lume foi presuntamente provocado por unha persoa cun chisqueiro durante unha xornada de "temperaturas altas" e "vento forte".

No que vai de ano, 36 persoas foron investigadas polo organismo autonómico como presuntas autoras de incendios forestais.

Existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera "actividade delituosa incendiaria" da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta