As peores predicións, anticipadas no libro, cumpríronse e foron superadas. A actuación dos gobernantes foi implacable: en tan pouco tempo, retrocedemos máis de tres décadas. Dinamitaron a lexislación vixente co funesto Real Decreto 16/2012 e iniciaron un camiño de longo percorrido cara á privatización do sistema. Detrás das decisións políticas -impostas por decreto, furtando o debate parlamentario e abusando da maioría absoluta- hai unha ideoloxía clasista que pretende recuperar unha Sanidade dualizada (aseguramento privado para os podentes, beneficencia para todos os demais), e hai tamén unha decidida intención de apropiarse dos orzamentos destinados á Sanidade pública, que hoxe representan ao redor do 40% do diñeiro das comunidades autónomas.
O cambio provocado nestes anos foi tal que a maioría dos textos utilizados perderon vixencia. Por esa razón incorporáronse capítulos novos que reflicten e analizan a situación actual. La salud como negocio é, xa que logo, un libro novo, que pretende aportar luz sobre o que están facendo os gobernantes coa nosa Sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio ás empresas afíns e ás grandes multinacionais da Sanidade. Aporta datos e análises que reflicten a extraordinaria magnitude deste proceso, que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.
No prólogo do libro Xosé Manuel Beiras enmarca as actuacións dos gobernantes no contexto dunha crise sistémica global que “dota de sentido á crecente agresión contra os sistemas sanitarios públicos para abolir o dereito do cidadán común a unha Sanidade universal e gratuíta, e converter a saúde nun negocio para o capital privado, como denuncia este libro desde o mesmo título”. Contra estas actuacións é preciso que os cidadáns desencadeemos un furacán de ideas e de rebelión cívica: “a este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da Sanidade pública”.
O profesor Vicenç Navarro recorda, na introdución do libro, que estamos vendo en España un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta. Afirma que "detrás dos recortes hai outro obxectivo: agrandar o sector privado a custa de reducir o sector público. Isto está a acontecer masivamente en España, respondendo aos intereses do capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está a destruír a Sanidade Pública". Navarro considera que este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública: “É unha mina de información; escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país”.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/